Reformar o núcleo urbano inspirándose no modelo de Pontevedra

Reformar o núcleo urbano inspirándose no modelo de Pontevedra

reunión ponteareas-2 webO candidato do BNG – Asembleas Abertas á alcaldía de Ponteareas, Xosé Represas, acompañado dos seis primeiros compoñentes da lista nacionalista, participou nunha reunión de traballo co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e os membros do goberno local, César Mosquera e Carme da Silva. Na reunión, Lores e os concelleiros do goberno do BNG compartiron as claves da transformación de Pontevedra na última década, as medidas postas en marcha que converteron a Pontevedra nun concello premiado internacionalmente.

Lores dixo que “o mellor premio é saír á rúa cada día en Pontevedra e ver que as persoas son as donas do sitio onde viven”. Lores explicou como apostaron por un modelo de cidade amable “cos nenos, coas persoas maiores e cos discapacitados, un modelo que dinamizou a actividade comercial”

Para o rexedor pontevedrés “é necesario ter claro o que queremos e aplicalo, nós témolo claro e precisamos que a maioría da xente nos apoie para poder levar a práctica o modelo que máis lles vai beneficiar”.

Pontevedra é un exemplo das políticas do BNG para o núcleo urbano de Ponteareas

Ao remate da reunión, Represas manifestou que “Pontevedra é un exemplo das políticas do BNG para o núcleo urbano de Ponteareas” e engadiu que “no BNG temos claro cal é o modelo de concello que queremos e a necesidade urxente de revitalizar a actividade de ocio, cultural e deportiva para reactivar o comercio e hostalería local. Estamos en disposición de levar a cabo a transformación que precisa Ponteareas e que a xente sinta unha maior satisfacción por vivir aquí”

Unha reforma inspirada en Pontevedra

O BNG propón unha reforma urbana de Ponteareas inspirada nas políticas aplicadas en Pontevedra, un modelo no que o ser humano e as súas actividades sexan os protagonistas da vida urbana. As propostas de intervención procurarán: gañar espazo público, levar a cabo actividades dirixidas ao conxunto da poboación, tanto económicas como de lecer ou consumo, potenciar a actividade comercial e de servizos, recuperar o Tea para o disfrute da cidadanía e mellorar a accesibilidade, sobre todo tendo en conta as necesidades de mobilidade das persoas que máis dificultades teñen.