Quedan máis nenos de 1 a 3 anos sen praza que admitidos na escola infantil de Ponteareas

Quedan máis nenos de 1 a 3 anos sen praza que admitidos na escola infantil de Ponteareas

 Entran 43 nenos e nenas de 1 a 3 anos, 54 quedan sen praza

A concelleira do BNG en Ponteareas, Verónica Carrera, deu conta do grave prexuízo que vai supoñer para decenas de familias de Ponteareas a falta de prazas na escola infantil municipal. “Para o vindeiro curso, quedan sen praza máis nenos e nenas que dos que entran; mentres terán praza 43 nenos de 1 a 3 anos, van quedar fora 54. Hai decenas de nenos e nenas que non poderán acudir a unha escola infantil pública e as súas nais e pais teñen que pagar unha privada si queren compatibilizar a súa vida laboral e familiar, co esforzo económico que iso supón”, afirmou a concelleira nacionalista.

O BNG acusa ao PP e a concelleira Valado de ocultar que 54 familias quedan sen praza para os seus fillos e fillas

“Pero isto non é nada novo”, engadiu a concelleira do BNG, “xa o ano pasado pasou o mesmo, e levamos así desde hai anos xa que a demanda de prazas supera amplamente a oferta”. Verónica Carrera lembrou que Ponteareas conta con case 1000 nenos e nenas de 0 a 3 anos, e dispón de só 130 prazas na única escola infantil pública para ese tramo de idade. “O PP xogou electoralmente con esta necesidade básica, pero logo todo sigue igual. Hai unha necesidade urxente para decenas de familias, de novas prazas públicas de educación infantil pero iso non lle interesa ao PP nin a concelleira Marisol Valado que oculta a información dos que quedan fora como si non existisen”, manifestou Verónica Carrera.

O PP ten “boicoteado” a construción da nova escola infantil pública

Fronte a esta situación, o Partido Popular leva anos retrasando a construción dunha nova escola infantil de 74 prazas, actuación demandada hai tempo polo BNG. A pesares de ser unha obra comprometida desde o 2010 polo Ministerio de Educación, que paga o 50% do novo centro, “primeiro o Alcalde e o PP boicotearon este investimento retrasando dous anos a consecución dos terreos”, afirmou a concelleira nacionalista. ”Agora, o goberno do PP na Xunta cambia as condicións iniciais; négase a pagar o outro 50% e quere obrigar ao Concello a pagar o resto da obra”, engadiu Verónica Carrera.

Quedan máis nenos de 1 a 3 anos sen praza que admitidos na escola infantil de Ponteareas