O PP nunca quixo que Ponteareas tivese un parque empresarial

O PP nunca quixo que Ponteareas tivese un parque empresarial

O BNG de Ponteareas saíu ao paso das recentes declaracións do portavoz do PP, Salvador González Solla, sobre a zona industrial da Lomba. “Nin Solla nin o PP son quen de dar ningunha lección sobre a creación de chan industrial en Ponteareas” afirmaron os nacionalistas, que lembraron as responsabilidades do Partido Popular gobernando durante décadas no Concello e na Xunta. Dende o BNG aseguran que "o PP nunca quixo que Ponteareas tivese un parque empresarial” e lembran que “foi só durante os tres anos e medio nos que o BNG tivo responsabilidades na Xunta de Galiza cando se avanzou co Parque Empresarial Val do Tea, iniciativa que Feijoo paralizou en 2009 co aplauso de Solla”

O PP só se preocupou da zona industrial da Lomba para facer propaganda

Sobre a zona industrial da Lomba, os nacionalistas lembraron a utilización que fixo Solla e o PP desta demanda en cada campaña electoral, realizando varias reunións dos empresarios co Conselleiro de Ordenación do Territorio para darlle respaldo propagandístico. “A regularización da zona industrial da Lomba leva bloqueada dende o ano 2002 coa suspensión do planeamento, e a Solla nunca lle importaron as oportunidades de crear emprego que perdeu Ponteareas nestes anos, nin  regularizar a actividade empresarial; só se preocupou da Lomba como propaganda e para o seu beneficio político”

Solla e o PP non queren que a Xunta destine un só euro para chan industrial en Ponteareas

Para o Bloque, resultan incribles as declaracións de Solla, criticando que se solicite apoio económico á Xunta para realizar o Plan Parcial de A Lomba. Os nacionalistas lembraron que esta iniciativa é similar a aprobada en febreiro de 2012 que o PP tamén apoiou. “Arruinaron o Concello, non fixeron nada por contar con chan industrial e agora aínda teñen o descaro de criticar por solicitar ese apoio como sucede noutros concellos nos que a realización do chan industrial corre a cargo da Xunta”

Dende o BNG sinalan que “o PP e Solla o que teñen é que ter a valentía de dicir que non van apoiar a Ponteareas para contar con chan industrial e pedir perdón a todos os empresarios da Lomba pola utilización electoral”.

“Estamos seguros que o goberno presidido por Represas porá todos os medios cos que conta o Concello para activar o Plan Parcial da Lomba, co apoio da Xunta ou sen el. O goberno do PP na Xunta tamén terá que responder á petición aprobada no Pleno para que Ponteareas teña un trato similar a outros concellos, pois é o único de máis de 20.000 habitantes que non conta con chan industrial”, conclúen.