O PP afoga aos veciños con subas de impostos, pero non inviste nada e os servizos empeoran

O PP afoga aos veciños con subas de impostos, pero non inviste nada e os servizos empeoran

Ponteareas incrementou en máis do 86% os ingresos pola Contribución en catro anos

graficoO portavoz do BNG en Ponteareas, Xosé Represas, acusou ao goberno do Partido Popular de afogar aos veciños e veciñas coa suba da contribución(IBI), aprobada por Salvador Glez. Solla e Nava Castro no ano 2010. Nestes catro anos, o Concello incrementou en máis do 86% os ingresos por IBI, pasando de 1.167.000 euros en 2010 a 2.175.000 euros en 2013, segundo a Conta de Resultados do Concello. “Soben escandalosamente os impostos mentres non se inviste nada e os servizos municipais empeoran. Todo o diñeiro se vai en pagar os pufos do PP e en manter o tinglado da dereita no Concello”, afirmou o portavoz do BNG.

Todo se vai en pagar os pufos e manter o tinglado do PP no Concello

Represas_docOs nacionalistas cualifican a situación de inasumible para centos de familias, “no momento de menos ingresos, de maior crise económica, a solución do PP é cargar á cidadanía con máis impostos e taxas cando moitas familias nin tan sequera dispoñen de diñeiro para mercarlle os libros aos seus fillos”, manifestou Represas.

Neste ano 2014 o incremento da presión fiscal aínda é superior. Ás subas anuais do IBI, hai que sumarlle tamén os incrementos brutais de impostos aprobados por PP e ACIP para que os veciños sigan cargando co resultado dunha xestión corrupta basada no despilfarro e no enchufismo que arruinou o Concello. Os nacionalistas lembraron algunhas destas subas, con respecto a 2013, aplicadas neste ano; suba dun 15,4% no impostos de vehículos, suba dun 17% en auga e saneamento ou a suba dun 80% no imposto para obras e construcións.

O BNG tamén criticou que, mentres os prezos das vivendas baixaron nun 40% nos últimos anos, por decisión de Solla e Castro, o Concello estalle cobrando ás familias polos súas vivendas como se se revalorizasen nun 10 % máis cada ano, e así ata o 2019.

 

  • Ponteareas á cola en inversión: menos do 4%, só 22 euros por habitante. Todo o diñeiro para gasto corrente e pagar os “pufos” do PP

grafico_gastos_correntesUn dos datos máis preocupantes das contas de 2013 é que dos 12.967.000 de euros de ingresos, practicamente non se destina nada a investimentos en obras básicas, prioritarias. Ponteareas está á cola, destina menos do 4% dos ingresos totais; 511.000 euros, só 22 euros por habitante. O 96% restante, é destinado a gasto corrente e a pagar os “pufos” do PP. Os gastos correntes do ano 2013 sumaron 10.530.588 euros, diñeiro destinado a gastos de persoal, gastos en bens e servizos ordinarios como enerxía eléctrica, a recollida de lixo, etc. 625.000 euros foron destinados aos intereses das débedas. O resto foi para préstamos e embargado polo Ministerio de Facenda para pagar as débedas con provedores.