Ponteareas perde máis de 300.000€ para un obradoiro de emprego por non poñer o goberno do PP 45.000€

Ponteareas perde máis de 300.000€ para un obradoiro de emprego por non poñer o goberno do PP 45.000€

O BNG tilda de inútil e incompetente ao goberno do PP, a Solla e Valado, por perder a oportunidade de dar traballo a 40 persoas en paro realizando obras municipais

Represas, en sala de prensaO BNG de Ponteareas, a través do seu portavoz, Xosé Represas, tildou de inútil e incompetente ao goberno local do PP, ao alcalde Solla e a concelleira de emprego, Marisol Valado, por perder a oportunidade de que Ponteareas contase cun obradoiro de emprego que daría traballo a 40 persoas en paro. “O Concello recibiría 300.000 euros e só tería que aportar 45.000 para contratar a 40 persoas durante 6 meses. Durante ese tempo, no que cobrarían o salario mínimo, completarían a súa formación e executarían obras municipais que redundarían en beneficio de  todos os ponteareáns,” manifestou o portavoz do BNG.

O BNG cualifica de caradura a Valado por afirmar que non hai diñeiro despois de gastar máis de 100.000€ en propaganda e en contratar axentes electorais do PPvaladoesolla

Os nacionalistas cualificaron de “caradura” á concelleira de emprego, Marisol Valado, por afirmar que renunciaran a solicitar o obradoiro de emprego porque o seu custe é elevado e non tiña diñeiro mentres gastaron máis de 100.000 euros en propaganda e en contratar “a dedo” a axentes electorais do PP para executar traballos que podían ser realizados polos traballadores municipais. “A Valado e o PP non lle preocupa que Ponteareas conte con 3.200 persoas en paro e que perda un proxecto que ofrecería saídas laborais a 40 persoas durante seis meses para realizar obras de interés social” indicou Xosé Represas.

Os obradoiros de emprego configúranse como un programa mixto que combina accións de formación e emprego dirixido a mellorar a empregabilidade das persoas en paro de vintecinco ou máis anos, coa finalidade de facilitar a súa posterior integración no mercado de traballo. O obradoiro de emprego, que sería financiado pola Consellaría de Traballo con cargo ao Fondo Social Europeo, podería contar, durante seis meses con ata 4 especialidades con 10 persoas en cada un delas.

De novo a irresponsabilidade, a insensibilidade social, a falla de xestión no concello e de compromiso co emprego e o benestar social quedan patentes. “Nunha situación coma que estamos a vivir, isto só crea máis desconfianza da institución municipal e afonda na crenza de contar no Concello cun goberno incapaz de levar a cabo os proxectos importantes e prioritarios polos que Ponteareas leva tantos anos agardando”, afirmou o portavoz do BNG.

A Valado non lle preocupa que Ponteareas conte con 3.200 persoas en paro, só lle preocupa retratarse

ValadocamaraDende o BNG lamentan que do único que se preocupe Marisol Valado sexa de “retratarse” coas actividades que organizan os colectivos sociais para aparentar que fai algo pero sen ningunha iniciativa nin idea nin proxecto útil para as máis de 3.000 familias que teñen algún membro en paro.

Os nacionalistas lembraron que desta situación non só é responsábel o PP, PSOE e ACIP comparten tamén responsabilidade porque podendo retirar a un goberno inútil e incompetente, preferiron deixar ao PP e que Ponteareas perda estes catro anos.