Ponteareas paraliza a consolidación de persoal pola investigación da fiscalía sobre os “enchufados”

Ponteareas paraliza a consolidación de persoal pola investigación da fiscalía sobre os “enchufados”

· Solla recoñece que o Concello paga a luz do patio do Cuartel da Garda Civil

· Aprobación inicial da Ordenanza das tarifas do servizo de taxi

Xose_RepresasO portavoz do BNG no Concello de Ponteareas, Xosé Represas, valorou o Pleno ordinario do mes de febreiro celebrado este martes asegurando que “quedou patente, unha vez máis, a incapacidade do PP para gobernar Ponteareas. Solla e o seu goberno están superados pola situación do Concello e desbordados polas iniciativas do BNG que protagonizaron o Pleno”.

O Alcalde, Salvador González Solla, que compareceu no Pleno a petición do BNG pola investigación aberta pola fiscalía de Vigo sobre o proceso de consolidación dos traballadores afectados pola “sentenza dos enchufados”, confirmou no Pleno a paralización de todos os procedementos, como pedía o BNG, para facer fixos aos referidos traballadores.

A consolidación de persoal municipal, que fora reactivada nos últimos meses despois de dous anos paralizada, priorizaba a consolidación de emprego dos contratos afectados pola nulidade da sentenza 1720/2003 do Tribunal Supremo. Esta sentenza deu lugar á inhabilitación para todo cargo público a José Castro e todo o goberno do PP trala denuncia xudicial do BNG. A fiscalía requiriu expresamente, identificando con nome, apelidos e posto de traballo, cada un dos expedientes de consolidación desta sentenza.

Solla recoñece que o Concello paga a luz do patio do Cuartel da Garda Civil

No punto no que se debateu a iniciativa do BNG sobre a revisión da facturación eléctrica da iluminación pública e das instalacións municipais, Solla viuse obrigado a recoñecer que o Concello leva anos pagando o consumo enerxético do patio do Cuartel da Garda Civil de Ponteareas, respondendo ás preguntas do BNG que dende agosto se negara a contestar. Solla, que leva 11 anos de alcalde, afirmou que descoñecía dende cando estaban conectadas ao alumeado público as farolas do patio interior do Cuartel, afirmando que non existía ningún acordo ou convenio que amparase esta conexión.

É incrible que coa situación económica do Concello, asumamos os custes dunha instalación do Estado

Hortensia_BautistaHortensia Bautista, concelleira do BNG de Ponteareas que defendeu esta iniciativa, afirmou durante a súa intervención que “resulta incrible que coa situación económica do Concello, Ponteareas asuma os custes dunha instalación da Administración do Estado que xa conta coa asignación económica para eses gastos con cargo aos impostos que pagamos todos”. A pesares da insistencia da concelleira do BNG, Solla non foi capaz de explicar como non se detectaran estes enganches no alumeado público cando o propio alcalde levou hai dous anos ao xulgado unha suposta conexión privada no alumeado público. Na actualidade a luz do patio do Cuartel da Garda Civil continúa conectada ao alumeado público municipal sen que o goberno do PP tomara medida.

Aprobación inicial da Ordenanza das tarifas do servizo de taxi  

Grupo_pleno_outubroNa sesión aprobouse a ordenanza reguladora do servizo de taxi do Concello de Ponteareas para poder dar cumprimento á lei sobre a instalación e uso do taxímetro. Represas culpou ao goberno do retraso na tramitación desta ordenanza que tiña que estar en vigor dende hai 7 meses e que a día de hoxe aínda están sen sinalizar os límites urbanos para os taxis. Esta sinalización é necesaria para a aplicación das tarifas aprobadas inicialmente coa ordenanza.

Conxutamente coa ordenanza aprobouse por unanimidade unha proposta, que o BNG presentou nas reunións previas de todos os grupos cos representantes do colectivo de taxistas, para solucionar nun prazo de cinco anos, a situación do exceso de licenzas de taxi e os problemas da asignación de paradas por consenso cos taxistas.

Durante o debate da ordenanza, a petición do BNG, parouse o Pleno para consensuar cos representantes dos taxistas e os portavoces de todos os Grupos da Corporación, unha proposta que se asinará nas vindeiras semanas que garante a explotación realizada na actualidade polos taxistas mentres non se execute o acordo sobre o exceso de licenzas e a utilización das paradas.