Ponteareas pagará máis impostos para manter o “tinglado” de enchufismo e despilfarro do PP

Ponteareas pagará máis impostos para manter o “tinglado” de enchufismo e despilfarro do PP

O portavoz do BNG, Xosé Represas, afirmou, tras o pleno deste mércores no que o PP sacou adiante o seu plan de axuste cos votos de ACIP, que “hoxe é un mal día para Ponteareas e para os ponteareáns. O Partido Popular conseguiu aprobar incrementos brutais de impostos para que os veciños e veciñas sigan pagando do seu peto o tinglado de despilfarro, enchufismo e corrupción do PP que arruinou o Concello”.

Segundo o BNG, o PP “en lugar de medidas de aforro e de recortar ese tinglado, preferiu cargar aos veciños e veciñas con subas en todos os impostos e taxas municipais”.

Represas considerou “escandaloso que o PP e ACIP aprobaran subir nun 80% o imposto de obras e construcións, “unha decisión que vai en contra de reactivar a actividade económica e de que non se siga perdendo emprego na construción, unha decisión que afectará a todos os veciños e veciñas que queiran facer calquera obra ou reforma. En lugar de apoiar e incentivar, cárganse aínda máis impostos sobre a pouca actividade que existe no sector da construción”, manifestou o portavoz do BNG, que criticou tamén a suba do 13% no imposto de todo tipo de vehículos

O BNG puxo en dúbida a viabilidade do Plan de Axuste aprobado porque non ataca as causas que provocaron a bancarrota do Concello. O portavoz do BNG acusou a concelleira de facenda, Belén Villar, de ser a responsable de que Ponteareas non teña plan de saneamento. “Fracasou nos dous intentos anteriores e foi desautorizada incluso polo propio Ministerio de Facenda que dirixe o PP e que rexeitou a súa proposta de hai un ano, apoida tamén por ACIP, por presentar un plan irreal e mentir gravemente sobre a débeda do Concello”, lembrou o portavoz nacionalista.

Por último, o BNG lamentou que outros grupos da oposición presten apoio puntual ao PP xustamente en medidas negativas para Ponteareas que só favorecen ao Partido Popular. Nesta ocasión ACIP apoia ao PP para aprobar unha suba de impostos brutal. Segundo Represas “o BNG é a única alternativa e esperanza dun cambio real e definitivo para Ponteareas”

Ponteareas pagará máis impostos para manter o “tinglado” de enchufismo e despilfarro do PP