Ponteareas paga cada ano máis dun millón de euros en servizos que a Xunta non asume

Cristina Fernández, tenente alcalde e candidata nº7 do BNG ás eleccións galegas
Cristina Fernández, tenente alcalde e candidata nº7 do BNG ás eleccións galegas
Nos últimos anos, a Xunta non realizou nin unha soa obra relevante nos centros de ensino ponteareáns
Ponteareas paga cada ano máis dun millón de euros en servizos que a Xunta non asume

O goberno do PP na Xunta continúa sen cumprir as súas obrigas en Ponteareas. Mentres noutros concellos asume os gastos de servizos como a Escola Infantil, os Bombeiros, o Conservatorio de Música ou a Residencia de Maiores, que son de competencia autonómica, a veciñanza de Ponteareas ten que seguir cargando con máis dun millón de euros ao ano por estes servizos.

O PP dende a Xunta instalou a Ponteareas na marxinación absoluta

No ámbito educativo, o PP dende a Xunta instalou a Ponteareas na marxinación absoluta, e leva unha década sen realizar obras relevantes nos centros de ensino. Un edificio como o do CEIP Fermín Bouza Brey, de case 50 anos, precisa a rehabilitación integral, como levan demandando durante anos o BNG e a comunidade educativa. Neste centro tivo que ser o goberno local, dende a Concellería de Ensino que dirixe Cristina Fernández Davila, o que garantise a continuidade do comedor escolar, ante a negativa do goberno da Xunta de Feijoo a asumir este servizo como xa se comprometera.

Así mesmo, levamos anos insistindo na necesidade da construción de ximnasios para o colexio Feliciano Barrera de Guláns e o colexio público de Santiago de Oliveira, que tamén precisa comedor escolar, ou a cuberta dos patios do Ramiro Sabell e Nosa Señora dos Remedios.

Ademais de non cumprir coas necesidades básicas do ensino en Ponteareas, o goberno galego continuou co desmantelamento de servizos no rural, actuando contra a escola rural de San Mateo indecentemente e decidindo pechala a pesar de contar con alumnado suficiente matriculado para desenvolver as clases con normalidade.

As veciñas e veciños de Ponteareas debemos mobilizarnos nas eleccións galegas deste 12 de xullo, para impedir que destrúan un ben tan importante como o ensino público. Se recibimos a confianza da veciñanza para que Ana Pontón lidere o goberno galego, poremos en marcha unha nova Galiza na que o ensino público sexa unha prioridade.

Ponteareas paga cada ano máis dun millón de euros en servizos que a Xunta non asume