Ponteareas esixe a derrogación da Lomce por iniciativa do BNG

Cristina Fernández Davila
Cristina Fernández Davila
Ponteareas esixe a derrogación da Lomce por iniciativa do BNG

O BNG sacou adiante no pleno deste martes, co apoio unánime de toda a corporación ponteareá, unha moción na que insta á Xunta de Galiza a paralizar ás reválidas e a que solicite ao goberno do Estado a derrogación da LOMCE.

 

Cristina Fernández Davila, concelleira de Ensino do BNG en Ponteareas, argumentou que “a aplicación da LOMCE, levada a cabo polo Partido Popular, consagra cuestións totalmente negativas para o sistema educativo por ser fondamente centralizadora, clasista e sexista e por mercantilizar a educación e afondar nun modelo moito máis autoritario e antidemocrático”. Por este motivo, o Pleno acordou a esixencia de que a Xunta da Galiza solicite ao goberno do Estado a derrogación da LOMCE.

 

A concelleira do BNG indicou que as reválidas, que son coa LOMCE un requisito imprescindible para conseguir os títulos correspondentes, pretenden pór as maiores trabas posibles para a continuación dos estudos, contribuíndo a excluír ao alumnado máis desfavorecido socialmente do dereito á educación. Ademais, “a nivel pedagóxico, as reválidas supoñen unha presión engadida para o alumnado, forzándoo a ser avaliado baixo estándares uniformizados sen ter en conta a educación como proceso e o contexto social, económico e persoal do alumnado así como as súas capacidades e actitudes”, indicou Fernández.

 

“Instamos á Xunta á eliminación das reválidas xa que xunto coa LOMCE supoñen, en definitiva, un obstáculo para facer efectivo o dereito á educación universal, pública, galega, laica, coeducativa e gratuíta”, concluíu Cristina Fernández.