Ponteareas creará un gabinete de acción contra a emerxencia climática a iniciativa do BNG

Ponteareas creará un gabinete de acción contra a emerxencia climática a iniciativa do BNG

O Pleno de Ponteareas aprobou por unanimidade, a iniciativa do BNG, apoiar a mobilización mundial en defensa do clima do 27 de setembro e denunciar “a responsabilidade dos gobernos dos países desenvolvidos e das grandes corporacións na actual crise climática”.

A través da súa Portavoz Municipal, Cristina Fernández, o BNG sinalou que “dada a magnitude e as graves consecuencias que está a ter a emerxencia climática, é necesario enfrontala desde unha tripla dimensión: global, galega e local”. Neste sentido, Fernández lembrou “as múltiples iniciativas postas en marcha nos últimos anos polo goberno local”, polo que o Pleno aprobou seguir impulsando actuacións encamiñadas a minguar a pegada ecolóxica.

Tras a aprobación da iniciativa nacionalista, Ponteareas creará un gabinete de acción contra a emerxencia climática no que coordinar todas actuacións a través dun Plan Estratéxico para facerlle fronte á crise climática tendo en conta as competencias na materia. A súa elaboración, desenvolvemento, seguimento e avaliación farase en coordinación con outras instancias institucionais e coa máxima transparencia e participación social.

Así mesmo, a corporación Municipal acordou unanimemente reclamar ao goberno da Xunta que desenvolva un marco lexislativo e estratexias para loitar eficazmente contra as causas da emerxencia climática, mudando de raíz as súas políticas en relación coa ordenación do territorio a protección da paisaxe e dos ecosistemas, a mobilidade, a xestión de residuos, a enerxía, a minaría, a xestión da auga e en xeral as políticas económicas que fomentan a depredación dos recursos, e despoboación e o empobrecemento.