Ponteareas apoia solicitar o asilo político para Hassanna Aalia

Ponteareas apoia solicitar o asilo político para Hassanna Aalia

Cris no PlenoO Pleno de Ponteareas deulle luz verde á moción do BNG para a concesión de asilo político ao activista saharauí Hassanna Aalia. Así, o Pleno acordou instar o Goberno galego para que este se dirixa ao Goberno español para lle exixir que, en virtude da lexislación española e do compromiso do noso país co respecto aos Dereitos Humanos, lle conceda o asilo político a Hassanna Aalia, defensor do dereito de autodeterminación do pobo saharauí recoñecido pola lexislación internacional, dado que o seu retorno ao Sáhara Occidental supón un risco real para a súa integridade física. Cristina Fernández, a concelleira do BNG que defendeu a iniciativa, criticou ao PP por impedir cos seus votos no Congreso o asilo político para o activista saharaui.

A concelleira nacionalista instou ao PP de Ponteareas a actuar en consecuencia co seu voto no Pleno, esixindo a rectificación do goberno de Rajoy, e remitindo de forma inmediata esta solicitude ao Ministerio do Interior, reclamando, ao tempo, a suspensión da orde de abandono do Estado español.

O Pleno de Ponteareas apoia a Tarifa Eléctrica Galega

Pleno_decembro_2O Pleno tamén aprobou outra das mocións presentadas polos nacionalistas para crear a Tarifa Eléctrica Galega. O PP foi o único grupo que se negou a apoiar esta iniciativa que insta á Xunta de Galiza a demandar do Goberno Español a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, rebaixe as peaxes das tarifas nun 30%, tanto para o consumo doméstico como para as empresas.

A moción foi defendida pola concelleira do BNG, Hortensia Bautista, que explicou que “a pesar de que a xeración eléctrica leva aparellados uns moi importantes custos sociais e medioambientais, Galiza non tirou proveito desta actividade económica. Ao contrario; ao estar sometida a un marco regulatorio e tarifario común en todo o Estado español, as decisións adoptadas polas empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio a través dos seus centros de decisión afastados de Galiza, nunca recibiu vantaxes do aproveitamento dos seus recursos. Mesmo sofre en amplas zonas do país unha deficiente calidade da subministración eléctrica.”