O Pleno de Ponteareas debaterá sobre o aborto a proposta do BNG

O Pleno de Ponteareas debaterá sobre o aborto a proposta do BNG

O BNG rexeita o anteproxecto do PP e defende o mantemento da actual Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo

O BNG de Ponteareas presenta, para o seu debate no Pleno, unha moción para rexeitar a reforma “involucionista” da lei do aborto do PP impulsada por Gallardón. Os nacionalistas propoñen a súa total retirada ao tempo que instan á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado, e ao Ministro de Xustiza, a manter e aplicar a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

Hortensia_plano“A despenalización do aborto democratizou o acceso á prestación sanitaria da interrupción do embarazo e aliviou a presión moral que se exercía sobre as mulleres que decidían voluntariamente non ser nais. Esta normativa, que contribuiu a reducir de maneira drástica a mortandade entre as mulleres en idade fértil, causada por  interrupcións de embarazo en condicións de clandestinidade, está agora ameazada polo anteproxecto de lei do PP. Ademais implicará que desaparezan as políticas de información e prevención de embarazos non desexados, elemento clave en calquera política que pretenda diminuír a súa incidencia e reforzar os dereitos das mulleres”, indica a concelleira do BNG, Hortensia Bautista.

O BNG defenderá esta moción por entender que a lei que pretende aprobar o PP supón un retroceso que vulnera dereitos consolidados das mulleres no referido á súa saúde sexual e reprodutiva, e que nos colocaría nos mesmos niveis legais de países tales como Botswana. Baixo premisas falsas e mentiras sobre o que se estabelece na actual lei, a nova normativa impulsada polo Ministro de Xustiza pretende aplicar o programa ideolóxico do sector máis reaccionario do PP e dos grupos ultra relixiosos que se opoñen aos dereitos das mulleres.

Dende o BNG faremos todo o posible para que este anteproxecto non vaia adiante

aborto_longa“Non hai razóns sanitarias ou sociais, non hai polémica alén da provocada polos grupos radicais conservadores e a xerarquía católica, que xustifique un retroceso de tal calibre, e dende o BNG faremos todo o posible para que este anteproxecto non vaia adiante. Queremos que o Concello se comprometa a defender os dereitos das mulleres e que se manifeste contra a derrogación da Lei vixente dende o ano 2010”, afirmou Hortensia Bautista.

Finalmente, argumenta a concelleira do BNG que “como xa alertan organizacións de mulleres e sindicatos, o único que vai supor é regresar a prácticas de risco como os abortos clandestinos, porque deixa nunha situación de desamparo moitas mulleres que pertencen a colectivos desfavorecidos ou que carecen de recursos, ás que non lles queda máis opción que recorrer á clandestinidade ou asumir maternidades non desexadas. Isto, como ben se comprobou en tempos pasados, supón un grave risco para a saúde das mulleres”.

 

Artigo relacionado:

Galiza Nova realizou unha acción reivindicativa polo dereito ao aborto en Ponteareas

Ponteareas