O Pleno Municipal aproba a proposta do BNG de esixir a paralización dos desafiuzamentos

O Pleno Municipal aproba a proposta do BNG de esixir a paralización dos desafiuzamentos

O BNG acadou o respaldo do Pleno para reclamar a paralización dos desafiuzamentos en marcha e que se aprobe unha nova regulación con carácter retroactivo. Na sesión de decembro, a concelleira nacionalista, Hortensia Bautista, demandou que as administracións e os responsables “teñen que dar exemplo mirando de fronte aos problemas reais da xente e achegando solucións”.

“Por desgraza tivo que haber mortes para que PP e PSOE reaccionaran”, manifestou Hortensia Bautista na súa intervención, quen lembrou que en 2011 o BNG presentou no Congreso unha proposición non de lei sobre a regulación da dación en pago que foi rexeitada tanto por PP como por PSOE.

Na resolución nacionalista aprobada no Pleno ínstase á Xunta de Galiza a esixir do goberno central a paralización de todos os desafiuzamentos mentres non se modifique a lei hipotecaria, así como que esta lei teña carácter retroactivo. “Non hai ningún problema cando se trata de favorecer á gran banca ou ao capital e establecer axudas aos bancos, pero atopan moitas dificultades para que a lei favoreza a miles de familias que están a vivir situacións realmente dramáticas”, comentou a nacionalista a respecto das trabas para modificar a lexislación.

Dación en pago

Outras das medidas que demanda o BNG é a dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda garantizando o aluguer social da mesma, sobre todo cando existan menores ou persoas dependentes, así como a posibilidade de poder converter a hipoteca nun aluguer.

Os nacionalistas critican que as vítimas sexan persoas desinformadas á hora de asinar as hipotecas, “mentres a outra parte, os bancos, sí sabían perfectamente o que estaban facendo, na gran maioría dos casos as persoas non foron informadas dos compromisos que asumían”, apuntou Hortensia Bautista.

Axudas dende o concello

O Bloque reclama ao goberno local a creación dun servizo para atender ás persoas afectadas polos desafiuzamentos de forma que os servizos sociais estuden a posibilidade de establecer axudas ao aluguer e evitar as situacións extremas como cortes de luz ou auga.

Por outro lado, Hortensia Bautista sinalou que o BNG tamén demanda ao goberno local a retirada dos fondos municipais das entidades que practiquen os desafiuzamentos, e non volver a establecer ningún tipo de contrato con estas. Evitar que a Policía Local participe ou colabore en desafiuzamentos e poñer a disposición dos afectados os servizos de consumo e xurídicos do concello, co fin de establecer un asesoramento continuado, son outras das medidas reclamadas polo BNG e aprobadas no pleno.