O Pleno aproba por unanimidade a moción do BNG para que a Xunta financie a nova escola infantil

O Pleno aproba por unanimidade a moción do BNG para que a Xunta financie a nova escola infantil

O Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas aprobou cos votos a favor de todos os grupos políticos unha moción na que se insta á Consellaría de Traballo e Benestar a asumir a financiación da metade do custe de construción da nova Escola Infantil, cumprindo así co acordo asinado no seu día co Ministerio de Educación que asume o outro 50%, como recoñeceu o propio alcalde no Pleno. Con este acordo, todos os grupos rexeitaron a pretensión da Xunta para que o Concello pague o 40% da obra cando xa tivo que poñer os terreos.

Verónica Carrera, a concelleira do BNG que defendeu no Pleno a moción, acusou ao PP de querer impoñer a Ponteareas un novo castigo económico, despois de levar o Concello á bancarrota. Carrera lamentou o uso propagandístico e electoral realizado polo PP desta necesidade básica, sen importarlles nada ás máis de cen familias que cada curso quedan en lista de espera, e lembrou que antes das municipais, “a Conselleira e o Alcalde anunciaran, e así figura no compromiso da Xunta, que a nova escola infantil estaría en funcionamento antes de rematar 2012, xa estamos en 2013 e non temos nin proxecto”, afirmou a concelleira do BNG

Dende a oposición impedimos o despido do profesor do Conservatorio de Música

Outro dos acordos, apoiado polos tres grupos da oposición, foi o relativo a impedir o despido dun profesor de conservatorio. Este profesor, contratado a tempo parcial, supón unicamente un custe de 9.000 euros. BNG, ACIP e PSOE respaldaron as legacións presentadas pola CIG e o propio profesor por considerar que proposta do goberno era arbitraria.

No seu día, o Xulgado do Social, condenou ao Concello de Ponteareas a readmitir a este profesor por considerar improcedente o despido daquela. Os nacionalistas manifestaron que este despido non só non soluciona o déficit do conservatorio, senón que incluso podería saír caro polos antecedentes deste caso. O argumento de contar con menos alumnos non se sostén porque a baixada de alumnado afecta a varios materias musicais e profesores e non só a un caso illado. O BNG lembroulle ao Alcalde que o Conservatorio ten que asumilo a Xunta por tratarse de ensinanzas reguladas que dependen da Consellaría de Educación.

O Pleno aproba por unanimidade a moción do BNG para que a Xunta financie a nova escola infantil