O Pleno aproba, entre outras, a proposta do BNG de supresión das deputacións

O Pleno aproba, entre outras, a proposta do BNG de supresión das deputacións

O Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas do mes de xullo, celebrado na tarde-noite do martes, estivo marcado polo debate de oito iniciativas do BNG, sen propostas do goberno, agás dous asuntos de trámite. “Unha vez máis quedou en evidencia a carencia de iniciativas, de ideas e capacidade do Partido Popular para gobernar Ponteareas fronte a un BNG con propostas que dan sentido aos Plenos municipais”, afirmou o portavoz do BNG, Xosé Represas.

O BNG acadou o respaldo do pleno, cos votos en contra do PP, para sacar adiante a moción que insta ao goberno do Estado a retirar o anteproxecto de Lei de Reforma Local, a suprimir as deputacións provinciais, a presentar un plan de financiamento dos concellos e que Galiza poida regular sobre o mapa administrativo propio.

Esta iniciativa foi defendida polo portavoz do BNG, quen criticou que “esta lei deixa aos concellos coas mans atadas para prestar servizos á cidadanía”. Represas alertou de que a administración central do Estado pretende instalar un control político e limitalo todo ao criterio de que sexan rendibles economicamente, e “isto afectará directamente á veciñanza, sobre todo ás persoas con  menos recursos”, engadíu o portavoz do BNG.

Coherencia coa democracia

Tras defender a supresión das deputacións e en resposta ao alcalde, quen acusou ao BNG de incoherencia por participar destas institucións provinciais, Xosé Represas defendeu a participación dos deputados e deputadas do Bloque. “Somos coherentes porque participamos destas institucións por responsabilidade, despois de ser elixidos democraticamente”.

“Somos coherentes coa democracia e pedimos a desaparición de todas as deputacións, esteamos nelas ou non”, subliñou Represas.

O Pleno rexeitou a LOMCE

A moción do BNG esixindo a retirada da LOMCE, coñecida como lei Wert, foi aprobada cos votos en contra do PP. A iniciativa, que foi defendida pola concelleira Cristina Fernández, insta á Xunta da Galiza a que recorra, ao igual que xa anunciaron Euskadi e Cataluña, a Lei Wert por invadir as competencias exclusivas de Galiza. A concelleira nacionalista cuestionou o contido da lei xa que, entre outras cousas, “deixa ao galego nunha consideración inferior á unha lingua estranxeira”

“Non deixa de ser relevante a falta de diálogo social con que o PP aprobou e pretende desenvolver a LOMCE, sen participación da comunidade educativa, das asociacións que representan os diferentes colectivos implicados e con grande oposición social e política” asegurou Cristina Fernández, que participa activamente na Federación de ANPAS de Ponteareas da que foi presidenta. Nesta falta de diálogo, a concelleira do BNG encadrou o papel de relevancia que o PP outorga na Lei á asignatura de relixión católica ou o retroceso na democratización dos consellos escolares.

Aprobada a moción de apoio aos emigrantes con pensións do estranxeiro

Finalmente a proposta nacionalista de apoio aos veciños e veciñas beneficiarias de pensións percibidas no estranxeiro, afectados polas reclamacións de Facenda, recibiu o apoio unánime dos grupos municipais.

O Pleno aprobou demandar do Goberno do Estado a anulación dos expedientes sancionadores polo descoñecemento das obrigas tributarias e as informacións contraditorias, facilitadas nos últimos anos dende as oficinas da Axencia Tributaria aos emigrantes.

O portavoz do BNG lembrou que o goberno do Partido Popular promoveu a amnistía fiscal que beneficia, entre outros, ao extesoureiro do PP, Luís Bárcenas, e aos imputados da trama Gürtel. “É inmoral sancionar a quen foi a Suíza a traballar, ao tempo que se indulta aos defraudadores e delincuentes que levaron o diñeiro para Suíza”, afirmou Represas