Ningún traballador do concello cobrará por non ir traballar, quen falte será sancionado
Ponteareas vén de aprobar un regulamento para a asignación individualizada do Complemento de produtividade para as traballadoras e traballadores do Concello. Froito da intoxicación informativa do PP, difundíronse titulares totalmente disparatados nalgúns medios de comunicación.
Este complemento non é novo, xa existía. Víñase atribuíndo en Ponteareas dende hai moitos anos de xeito arbitrario e caciquil por parte do Partido Popular. O novo goberno local encabezado polo BNG está pondo orde na xestión do persoal municipal, regulando estes complementos como corresponde por lei, con transparencia e criterios xustos.
Un dos moitos criterios que marca este regulamento é ter en conta o tempo efectivo de traballo, así evítase que persoal de baixa cobre o mesmo que o persoal que traballa durante todo o ano.
|
É completamente falso e absurdo que os traballadores cobren sen ir a traballar, como sinala o PP. De feito, se un traballador faltase o 10% da xornada sen a xustificación debida, non percibiría ese plus nin parte do salario, e ademais abriríaselle un expediente.
O PP non pode cambiar a realidade, por moito que queira imitar a Donald Trump creando as súas propias verdades, que sempre resultan ser mentiras descaradas. Interésalles crear polémica para tapar os seus problemas, como a investigación xudicial na operación Patos na que están imputados Belén Villar e o exalcalde Solla. Se tivesen un mínimo de vergoña, no PP deberían pensar dúas veces antes de falar de persoal, xa que o seu partido recibiu a maior condena do Tribunal Supremo ao ser inhabilitado todo o un goberno pola súa corrupta maneira de contratar persoal no Concello de Ponteareas.
Dende que o BNG asumiu responsabilidades no goberno, aforrou no gasto de persoal 359.000€, e con este regulamento non se gasta máis. Coa aprobación do regulamento, xunto coa RPT (responsabilidades e funcións de cada posto de traballo) e o convenio en negociación, o goberno municipal acabará cos privilexios que mantivo o Partido Popular durante décadas.