O DEPUTADO DO BNG NO CONGRESO REUNIUSE EN PONTEAREAS COA PLATAFORMA N120 ​

Néstor Rego esixirá un compromiso concreto nos orzamentos do Estado para a seguridade na N120

Néstor Rego esixirá un compromiso concreto nos orzamentos do Estado para a seguridade na N120

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, desprazouse a Ponteareas para coñecer de primeira man a carencia de seguridade na estrada N120, que cruza varias parroquias ponteareás soportando diariamente unha elevada carga de tráfico.

Rego, acompañado polo alcalde Xosé Represas e outros membros do BNG local,  reuniuse no Centro Cultural Xinzo coa Plataforma N120 para “escoitar as súas reivindicacións e trasladarlles o compromiso firme do BNG de defender ante o Ministerio de Fomento a necesidade de que as obras de mellora de seguranza viaria na N120 se realicen de forma inmediata”.

B46B0846O deputado do BNG coincidiu nas demandas expostas pola plataforma, e adiantou que esixirá do goberno do Estado “un compromiso concreto nos orzamentos para 2020, cunha partida económica suficiente para o proxecto e o inicio da obra, así como a consignación plurianual necesaria para a súa execución”.

Néstor Rego referiuse no mesmo sentido á “variante de Ponteareas”, xa que “ambas actuacións teñen por obxectivo diminuír o tránsito de vehículos pola N120 e aumentar a seguranza, de modo que se poña fin ao  tráxico balance de accidentes e de falecementos nesta vía”.

O Deputado nacionalista destacou que o BNG “non tolerará que continúen as burlas á veciñanza de Ponteareas, que levan vinte anos soportando promesas electorais e anuncios propagandísticos sen que a día de hoxe se fixese nada realidade”. Rego comprometeuse ante a Plataforma a realizar en Madrid o seguimento deste expediente, instando a que se axilice a redacción dos proxectos necesarios para poder licitar estas actuacións.

Néstor Rego esixirá un compromiso concreto nos orzamentos do Estado para a seguridade na N120