MIGUEL BOUZÓ SERÁ O VICERRESPONSABLE DO BLOQUE NA LOCALIDADE

Nemesio Boente, novo Responsable Local do BNG en Ponteareas

Nemesio Boente, novo Responsable Local do BNG en Ponteareas

O BNG ven de realizar en Ponteareas a renovación do seu Consello Local, o órgano de dirección na localidade. Tras a realización dunha asemblea local nos pasados días, Nemesio Boente foi electo novo responsable local por unanimidade. Miguel Bouzó será o novo vicerresponsable local, e xunto a eles asumen responsabilidades no Consello Local Carmen González, Hadrián Bautista, Lola Covelo e a concelleira no goberno, Cristina Fernández.

Asume esta responsabilidade “con ganas de traballar para continuar reforzando a organización local"

Nemesio BoenteNemesio Boente puxo en valor as novas incorporacións ao Consello Local, e destacou a importancia do traballo dos militantes e simpatizantes, “que deu como froito novas incorporacións á organización dende que o BNG asumiu o goberno municipal”. O novo responsable local do Bloque declara que asume esta responsabilidade “con ganas de traballar para continuar reforzando a organización local, xa que isto suporá un reforzamento do traballo político en beneficio de todos os ponteareáns”.

Segundo indican dende o BNG, “Nemesio é un membro destacado do BNG na localidade, que acumula experiencia política e organizativa, e que ten demostrado notablemente o seu traballo incansable polos intereses das veciñas e veciños”

Nemesio Boente foi concelleiro do BNG na corporación Municipal en dúas ocasións, entre o 2006 e o 2011. O novo responsable local do BNG é unha persoa moi recoñecida e apreciada polas veciñas e veciños dada a súa profesión como enfermeiro no Centro de Saúde de Ponteareas e directivo da asociación da Casa Cultural de Areas.