Máis de 200 persoas non poderán cursar ensino de adultos en Ponteareas

Máis de 200 persoas non poderán cursar ensino de adultos en Ponteareas

Por iniciativa do BNG, a Corporación Municipal de Ponteareas aprobou en xullo de 2011 a implantación da educación Permanente de Adultos. Esta iniciativa, atendía as demandas do conxunto da comunidade educativa sobre a necesidade de que Ponteareas contase con este servizo esencial.

Dous anos máis tarde, o Conselleiro de Educación anunciou esta fin de semana que Ponteareas contaría a partir do vindeiro curso coa entrada en funcionamento de dúas unidades de ESO en Educación Permanente de Adultos.

A iniciativa do BNG  será atendida pola Xunta con dous anos de demora e só para o 25% dos solicitantes

Para o BNG, a dotación de dúas unidades é totalmente insuficiente debido a que so cubrirá un 25% da demanda existente na ESO, quedando excluído o Bacharelato. Segundo as previsións da Consellaría, hai máis de 200 solicitudes para cursar ESO e máis de 60 para realizar o Bacharelato.

Os nacionalistas, que consideran o ensino de adultos unha prioridade, anunciaron que demandarán a ampliación da oferta para que os centos de veciños e veciñas que queren cursar a Secundaria ou Bacharelato de adultos en Ponteareas poidan realizalo, sen verse obrigados a desplazarse a outras localidades como O Porriño ou Vigo.