O CANDIDATO DO BNG POLA PROVINCIA DE PONTEVEDRA COÑECEU INICIATIVAS EMPRESARIAIS DA ZONA

Luís Bará visita a X Feira Tradicional dos Remedios

Bará conversa nun dos postos da Feira
Bará conversa nun dos postos da Feira
Luís Bará visita a X Feira Tradicional dos Remedios

Luís Bará, acompañado polo alcalde Xosé Represas, as concelleiras Hortensia Bautista e Verónica Carrera, e demais membros do BNG na localidade, visitou Ponteareas, onde percorreu os postos da X Feira Tradicional dos Remedios e camiñou polas rúas do centro para interesarse pola situación do comercio local. Alí manifestou o apoio do BNG ao comercio de proximidade, incentivando a compra de produtos locais e galegos, así como a distribución e relación comercial directa entre persoas produtoras e distribuidoras, a aposta por axudas á implantación de establecementos que comercialicen produtos autóctonos e de produción ecolóxica, e coñeceu iniciativas empresariais da zona como a cervexa Curuxa ou aos produtores de mirabeis Alén do Val.

Bará coñecendo o Pemento de GulánsO candidato do BNG pola provincia de Pontevedra coñeceu de primeira man a iniciativa e recoñeceu o traballo que veciñas e veciños da parroquia de Guláns levan a cabo para recuperar o seu pemento autóctono. Os traballos de recuperación da semente xeneticamente auténtica do pemento de Guláns comezaron no ano 2009 no Centro de Experimentación Agraria de Entenza, en Salceda de Caselas, grazas a un proxecto comandado por aquel entón pola Consellería de Medio Rural que dirixía o nacionalista Suárez Canal.

Centros comerciais abertos como fórmula de oferta competitiva do comercio tradicional

Bará tamén sinalou a aposta do BNG polos centros comerciais abertos como fórmula de oferta competitiva do comercio tradicional fronte a outros formatos e subliñou a necesidade de recuperar e fomentar os mercados municipais e zonas comerciais e as súas contornas, incluíndo a peonalización de espazos. Neste sentido, subliñou que a pesares de que nun primeiro momento o comercio local pode ser reticente a esas medidas despois é consciente dos seus beneficios. “Ese proceso ocorre sempre e os comerciantes acaban pedindo máis espazos peonalizados, como xa ocorreu en Pontevedra”, asegurou.