O CANDIDATO DO BNG POLA PROVINCIA DE PONTEVEDRA AVOGOU POR DAR CONTINUIDADE AO PROXECTO DE BIOMASA DA COMUNIDADE DE MONTES DE XINZO

Luís Bará defende en Ponteareas unha xestión racional do monte galego

Bará na visita a Xinzo
Bará na visita a Xinzo
Luís Bará defende en Ponteareas unha xestión racional do monte galego

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra ás eleccións galegas do vindeiro 25-S, Luís Bará, avogou por dar continuidade ao proxecto da planta de biomasa da comunidade de montes de Xinzo, en Ponteareas, noutras comunidades de montes de toda Galiza. Bará subliñou que cun cambio de goberno na Xunta no que estea o BNG podería aplicarse unha xestión integral do monte, integrándoo no desenvolvemento rural e das parroquias galegas e producindo beneficios sociais, ambientais e económicos para o país.

O candidato realizou estas declaracións xunto ao alcalde, Xosé Represas, e membros do BNG despois dun encontro con representantes da comunidade de montes de Xinzo, en Ponteareas, que ven desenvolvendo dende 2008 un proxecto pioneiro e innovador dunha planta de fabricación de achas a partir de cortas e de rozas de árbores no monte para logo abastecer a caldeira para a calefacción do centro social da parroquia, que depende tamén da comunidade de montes.

Unha xestión racional e sustentable do monte produce beneficios sociais, económicos e ambientais

“Parécenos que este é un exemplo perfecto dunha xestión racional e sustentable do monte e de aproveitamento dos recursos forestais para reducir o consumo enerxético e para a mellora ambiental do monte”, subliñou Bará, quen destacou que é un modelo que se pode trasladar a outras zonas e “producir beneficios sociais, económicos e ambientais”.

biomasa4Bará lembrou que o proxecto de Xinzo naceu durante o bipartito, cando o BNG estaba tanto na Consellería de Medio Rural como na de Industria, “que foi a que propiciou e impulsou esta instalación e proxecto, que despois non tivo continuidade noutras comunidades de montes que tamén pretendían facer iniciativas coma esta” dixo. “Pensamos que agora, cun cambio de goberno da Xunta podería volver á aposta pola xestión sustentable do monte”, destacou.

En materia de xestión forestal, Bará destacou que o goberno galego debe mudar a tendencia actual e apostar polo investimento na ordenación e boa xestión do monte, cunha visión de medio a longo prazo. Engadiu que Galiza ten un grande potencial nos seus montes e subliñou que é preciso aplicar unha visión multifuncional do monte, xuntando o aproveitameto forestal coas funcións sociais e ambientais. Así, asegurou que é posible compatibilizar os usos produtivos directos con aproveitamentos complementarios de froitos ou cogomelos, como fan as comunidades da zona de Vigo, con usos recreativos, de difusión de valores ambientais ou de goce da paisaxe.

Novo modelo de prevención e defensa contra incendios forestais

O candidato, finalmente, destacou a necesidade de desenvolver un novo modelo de prevención e defensa contra incendios forestais centrado en retomar as políticas preventivas relacionadas con infraestruturas de protección e de ordenación do espazo forestal, na colaboración coas comunidades de montes, na elaboración dun plan xeral de rozas e xestión e que o dispositivo de extinción sexa profesionalizado, entre outras cuestión.