O BNG RESPALDA A DECISIÓN DO ALCALDE DE EXPULSAR DO PLENO AO SR. FREITAS

O BNG lémbralle ao PP a súa responsabilidade na situación do contrato do lixo

b7a77b0ac0ab4caaefed02b0d5faa241_L
b7a77b0ac0ab4caaefed02b0d5faa241_L
O BNG lémbralle ao PP a súa responsabilidade na situación do contrato do lixo

O BNG saíu ao paso das declaracións feitas nos últimos días polo PP e ACiP sobre a suspensión do pleno ordinario do mes de novembro pola negativa do concelleiro Domingos Freitas a abandonar o Pleno tras ser expulsado. A formación nacionalista respalda a decisión do alcalde de expulsar ao concelleiro popular e asegura que “non se poden consentir as reiteradas faltas de respecto, malas maneiras e burlas deste e doutros concelleiros á Corporación da que forma parte nin á veciñanza”.

 

O edil do PP foi expulsado cando se estaba tratar unha moción sobre o servizo de recollida de lixo. “O que non soportou Domingos Freitas e os concelleiros do PP é que o alcalde Represas lles lembrara a sinatura de Salvador González Solla, Nava Castro e Domingos Freitas no convenio colectivo entre a empresa e os traballadores do ano 2008 e que este convenio lle fose ocultado ao Consello Consultivo en 2014 cando o goberno de Solla trasladou a consulta sobre o canon do servizo de recollida do lixo” manifestan os nacionalistas nun comunicado de prensa. “O Sr. Freitas interrompeu a intervención do alcalde precisamente cando indicaba que trasladara este e outros documentos ao Consello Consultivo para que se pronunciara de novo dispoñendo de toda a documentación”, aclaran dende o BNG.

 

O Bloque sinala que os concelleiros do PP “saberán porque se alteran e se poñen dos nervios cando se lle fala deste contrato e das súas responsabilidades. É dun descaro incrible criticar ao goberno actual cando eles son os únicos responsables da situación xudicial coa empresa de recollida do lixo. Coas súas decisións provocaron o incremento do canon e agora pretenden botarlle a culpa ao goberno liderado por Represas, que coa súa boa xestión está a mellorar o servizo e logrou paralizar a execución de sentencias e buscar o diálogo para tentar acadar un acordo”.

 

Os nacionalistas lembran que “o Partido Popular estivo máis de 3 anos negociando coa empresa unha rebaixa no contrato, pero o balance que deixaron para a cidadanía foi de dúas condenas por importe de mais de 300.000 euros e o contrato do lixo xudicializado.”