O goberno do PP en Ponteareas deixa aos clubs deportivos sen subvencións en 2014

O goberno do PP en Ponteareas deixa aos clubs deportivos sen subvencións en 2014

X Represas, Portavoz Municipal do BNGO BNG de Ponteareas, a través do seu portavoz municipal, Xosé Represas, denuncia a decisión do goberno local do Partido Popular de deixar sen subvencións aos clubs deportivos. O goberno de Salvador G. Solla destinou a gastos correntes a partida económica de 40.000 euros prevista nos orzamentos para axudas aos clubs deportivos.

O BNG culpa ao goberno do PP desta situación, pola súa desastrosa xestión económica, lembrando que o Concello destinou o pasado ano 2013, a pagar os intereses das débedas e das distintas sentenzas xudiciais 625.000 euros, diñeiro que non se puido destinar a outras necesidades e prioridades sociais. Os nacionalistas lamentan que entre os damnificados polas políticas do PP estean os equipos de deporte base que teñen centos de nenos, nenas e mocidade nas súas actividades.

As axudas son imprescindíbeis para apoiar ás entidades deportivas de Ponteareas a manter actividades

bngponteareasAnunciamos que manteremos reunións con todas as entidades deportivas co obxectivo de lograr a convocatoria destas subvencións, en xaneiro de 2015, en base a unha convocatoria pública que garanta os principios de equidade e transparencia para todos os clubs. “Consideramos imprescindíbeis estas axudas para apoiar ás distintas entidades deportivas de Ponteareas a manter as súas actividades que moitas veces realizan con escasos medios” manifestou Represas, engadindo que todo o tecido de deportivo do concello suma preto de 1.500 licenzas federativas, que van dende os clubs de fútbol, ciclismo, natación, deporte de Wushu, xadrez, automobilismo, etc.

Os 40.000 euros anuais para subvencións á entidades deportivas, que figuran nos orzamentos dende 2010, só foron destinados a esta finalidade no ano 2011, xusto na campaña electoral das municipais. Os 120.000 euros dos anos, 2012, 2013 e 2014 foron desviados polo goberno do PP a pagar gastos correntes do Concello.