O goberno do PP gastou dez veces máis en propaganda e protocolo que en axudas de emerxencia social

O goberno do PP gastou dez veces máis en propaganda e protocolo que en axudas de emerxencia social

bngponteareasO Bloque Nacionalista Galego denuncia que o goberno do PP no concello de Ponteareas gastou en 2012, as últimas contas oficiais coñecidas, dez veces máis en publicidade, propaganda e protocolo que en axudas de emerxencia social, ás que só destinou 4.449 euros. “Un escándalo e unha provocación máis do PP coa súa xestión económica do Concello” manifestou a concelleira do BNG, Verónica Carrera.

Na situación social que se vive en Ponteareas e Galiza, cunha crise económica que pecha empresas e negocios locais, que ten ao 50% da mocidade sen traballo, con centos de fogares con todos os seus membros no desemprego e con familias que fican na rúa por non poder facer fronte aos impagos da vivenda, o goberno do PP no Concello de Ponteareas permítese gastar nun ano máis de 42.000 euros en publicidade e propaganda mentres destinan unha cantidade ridícula para axudas de emerxencia social.

Non é de recibo que o goberno local siga instalado no malgasto en propaganda despois de arruinar o Concello

carrera_plenoPara o BNG, “esta é unha proba máis do que lle interesa e preocupa ao alcalde e a concelleira de Servizos Sociais, un despropósito máis do PP no Concello. Non é de recibo que o goberno local siga instalado no malgasto en propaganda despois de arruinar o Concello. Continúan coa mesma política de despilfarro, mesmo despois de levar ao Concello á intervención económica e xudicial” afirmou Verónica Carrera.

Os datos son para o BNG “demoledores” e “unha mostra do nulo interese que ten o PP de que as institucións sirvan para a cidadanía, porque as empregan para servise eles” comenta a edil nacionalista Verónica Carrera, que engade que “mentres hai veciñas e veciños que non teñen para pagar gastos básicos como auga, luz, alimentos, medicinas, material escolar ou o alugueiro da vivenda, o PP gasta dez veces máis en darse autobombo que en axudas para quen máis o necesita. É unha vergoña."

Os nacionalistas lembraron a súa proposta, que será tratada no pleno de marzo, de destinar para este ano 2014 un mínimo de 45.000 euros para as necesidades máis urxentes das familias sen recursos. “Esta medida que será útil para moitas familias, especialmente as castigadas pola crise e as políticas do PP, de Rajoy, Feijoo ou Solla. Os concellos teñen a obriga de procurar uns mínimos de dignidade aos cidadáns" afirmou a concelleira do BNG.