O BNG lembra que foi o PP quen subiu os impostos para pagar os pufos da nefasta xestión de Solla e Castro no Concello

O BNG lembra que foi o PP quen subiu os impostos para pagar os pufos da nefasta xestión de Solla e Castro no Concello

O BNG de Ponteareas, a través da súa portavoz no Concello, Hortensia Bautista, saíu ao paso das recentes declaracións do Partido Popular sobre o Imposto de Vehículos (IVTM) e o Imposto de Construcións e Obras (ICIO).

“Foi o Partido Popular de Solla e Castro quen levou o Concello de Ponteareas á ruína, e para pagar os pufos da súa nefasta xestión aprobou en 2013 subas brutais de impostos como un incremento dun 13% no imposto de vehículos e dun 80% no de construcións”, lembrou Hortensia Bautista. “Hai que ter moita desfachatez para saír agora como os defensores da baixada de impostos, o que teñen que facer Salvador González Solla, Belén Villar e todos os concelleiros do PP é pedir perdón aos veciños e veciñas de Ponteareas por quitarlle durante estes anos eses cartos para pagar o tinglado do PP no Concello”, remachou a concelleira do BNG.

O goberno local xa anunciara que un dos seus compromisos era baixar os impostos de vehículos e construcións

A revisión destes impostos para estudar a súa rebaixa xa era un compromiso do goberno local, e así o anunciaron hai meses. “É unha das medidas que agardabamos concretar para aplicar a partir de xaneiro de 2017 coa mellora da situación económica do Concello, como consecuencia de rematar co embargo do Estado para o pago dos pufos e débedas acumuladas polo goberno anterior do PP e polo control do gasto no último ano”, sinalou Bautista.

Dende o BNG lembran que estas medidas súmanse á da rebaixa da contribución (IBI), cunha redución do 10% nos valores catastrais para 2017, aprobada en Pleno a proposta do goberno e que xa foi aceptada polo Catastro.