A Fiscalía investiga ao goberno do PP en Ponteareas pola consolidación do persoal "enchufado"

A Fiscalía investiga ao goberno do PP en Ponteareas pola consolidación do persoal "enchufado"

Xosé Represas, Portavoz BNG

A Fiscalía ven de requirir ao Concello de Ponteareas toda a documentación relativa á revisión de oficio iniciada polo goberno local dos contratos de persoal que forman parte da coñecida como “sentenza dos enchufados”, en alusión aos contratos polos que xa foi inhabilitado no seu día o exalcalde José Castro e todo o seu goberno do PP trala querela presentada polo BNG.

Esta actuación da Fiscalía da área de Vigo, dada a coñecer polo portavoz do BNG, Xosé Represas, estaría relacionada coa revisión de oficio dos contratos da sentenza do Tribunal Supremo de decembro de 2003. Esta revisión, iniciada polo goberno local por imperativo legal en 2009 como consecuencia da demanda presentada polo sindicato nacionalista CIG, foi paralizada coa xustificación da oferta de emprego público e consolidación do persoal laboral na que figuraban as prazas da referida sentenza.

Solla e Villar reactivaron a consolidación para blindar os postos de traballo conseguidos ilegalmente

Belén Villar, concelleira do PP

A Fiscalía, que deu 10 días de prazo ao goberno local para que lle remitise toda a documentación, estaría recabando información sobre presuntas irregularidades cometidas no proceso de consolidación destas prazas. Este proceso foi reactivado nos últimos meses polo alcalde, Salvador González Solla, e a concelleira de Persoal, Belén Villar, para blindar os postos de traballo conseguidos ilegalmente.

Represas lembrou que a Secretaria Municipal xa advertiu no seu día que a convocatoria de consolidación podía ser anulada por “vulnerar os principios de igualdade, mérito e capacidade”, e que “a convocatoria non determina a forma de cualificación dos exercicios da oposición, nin a composición do tribunal”. Así mesmo, a Secretaria tamén advertiu que “non se entende que un único exame tipo test sexa suficiente para determinar a capacidade e aptitude dos aspirantes”.

Débese deixar sen efecto a convocatoria realizada como “un traxe a medida” para os enchufados do PP

Dende o Bloque consideran que con estas advertencias e as limitacións de contratar persoal fixadas no Decreto 20/2011 do 30 de decembro de 2011, outras instancias da Administración Pública e Xudicial como a Avogacía do Estado ou a Fiscalía, no exercicio das súas competencias, deben intervir para requirir ao alcalde González Solla a anulación de todo o proceso e deixar sen efecto unha convocatoria realizada como “un traxe a medida” para os enchufados do PP.