A falta de Plan Urbanístico impide construír a nova escola infantil de Ponteareas

A falta de Plan Urbanístico impide construír a nova escola infantil de Ponteareas

Xose_RepresasA nova escola infantil de Ponteareas sufrirá novos retrasos pola falta de Plan Xeral de Ordenación Municipal(PXOM), segundo confirmou o Alcalde e o equipo técnico, na reunión de seguimento dos traballos do Plan celebrada este mércores 26 de novembro. Logo de que o portavoz do BNG, Xosé Represas, se interesase polos motivos urbanísticos que estaban a retrasar a construción da nova escola infantil, o equipo técnico do Plan confirmou que non se pode construír na parcela que o Concello cedeu á Xunta mentres o PXOM non estea aprobado definitivamente.

O portavoz do BNG culpou ao alcalde e ao PP desta situación. "Se o goberno local e a Xunta traballasen pensando nas preto de cen familias que cada ano quedan sen praza na escola infantil municipal, neste momento a nova escola para a etapa de cero a tres anos podería estar levantada, pero o PP só se lembra desta prioridade de Ponteareas nas campañas electorais”, afirmou Represas.

Os nacionalistas lembraron que o alcalde, Salvador G. Solla, coñecía a situación cando asinou hai máis de dous anos o convenio coa Xunta. Só se podía construír cunha modificación puntual das condicións urbanísticas da parcela ou axilizando a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. “Como xa é habitual, Solla non fixo nada, nin unha cousa nin a outra, e demostrou de novo a ineptitude e incompetencia que lamentablemente está pagando a cidadanía de Ponteareas e sectores económicos como a construción ou o comercio”, indicaron os nacionalistas.

Segundo o equipo técnico do PXOM, a aprobación definitiva demorarase máis dun ano

Na reunión sobre a tramitación do PXOM, nin o Alcalde, nin o equipo técnico puideron concretar os prazos para a súa aprobación definitiva, pero afirmaron que levará máis dun ano rematar a tramitación pendente.

Represas tamén fixo alusión a outros prexuízos que conleva non contar co Plan Xeral de Ordenación Municipal pola irresponsabilidade do PP e Solla: Non contar con un só metro cadrado de chan industrial para instalar empresas, para novas instalacións e servizos públicos, aparcamentos, novos parques e zonas verdes, imposibilidade de eliminar o IBI (contribución) das fincas sobre as que non se pode construír, etc.