Entrevista a Xosé Represas publicada no Faro de Vigo

Entrevista a Xosé Represas publicada no Faro de Vigo

Entrevista a Xosé Represas, Portavoz Municipal do BNG, publicada este sábado no Faro de Vigo

Encóntrase frustrado por non lograr presentar a moción de censura?

O problema non é para min nin para o BNG, o problema é para Ponteareas e miles de veciños que querían un cambio no Concello. Supoño que frustrados e abochornados estarán os votantes do PSOE e ACIP que en 2011 os apoiaron para retirar ao PP e Solla do goberno e que se sinten traizoados porque o seu voto se utilizou para mantelos no poder.

Visto agora dende a distancia... Non cre que eran grupos moi diferentes para lograr un proxecto

común?

Sen dúbida somos grupos moi diferentes. Pero logramos pactar un programa de goberno, que era o difícil. O sorprendente é que ACIP e PSOE rebentaran o acordo por caprichos e intereses persoais e partidistas. Pero a explicación é sinxela: nin os independentes nin o PSOE querían realmente facer a moción de censura, buscaban unha escusa, atopárona na persoa de González Carrera e romperon o acordo. Foi unha mala escusa, porque todos sabemos que se o novo alcalde fora socialista, o PSOE non vetaría a González Carrera. E se a alcaldía fora para os independentes, ACIP cedería ante o PSOE.

O certo é que houbo negociacións. Por que cre entón que non quixeron presentar a moción de

censura?

PP, PSOE e ACIP teñen un obxectivo común e compartido: que o BNG nunca goberne en Ponteareas nin teña a alcaldía. A historia demóstrao: en 2003, para desbancar a Nava Castro, o PP negouse a apoiar ao BNG que era a segunda forza política e houbo cambio grazas a nós que puxemos por diante os intereses de Ponteareas apoiando ao candidato socialista, o menos votado. En 2007 os independentes apoiaron a Solla no último segundo impedindo a Alcaldía do BNG que gañara as eleccións como lista máis votada. En 2011 o PSOE negouse a apoiar ao BNG permitindo que Solla seguira ao frente do Concello. E agora en 2013 os dous grupos, no último segundo, co pacto xa pechado, impiden novamente a Alcaldía do BNG e o cambio que demandaban os veciños.

Cre vostede que a oposición queda inhabilitada para facer a súa función tras ser incapaces de

acordar un goberno alternativo?

Ninguén pode entender que tres grupos pacten un programa de goberno e sendo maioría sigan na oposición en lugar de gobernar. Pero son o PSOE e ACIP os que teñen que explicar porque prefiren un alcalde do PP, imputado xudicialmente e en minoría, antes que un alcalde do BNG que ten un programa de goberno acordado pola maioría. O BNG sigue lexitimado para facer oposición e en 2015 será a única alternativa ao PP. Apoiar a ACIP ou PSOE será darlle o voto de novo ao PP, está xa demostrado.

En que situación queda o Concello?

Ingobernable. O PP en minoría afundindo a Ponteareas. E con dous grupos, ACIP e PSOE, que nin gobernan nin deixan gobernar e serán corresponsables de que continúe o desastre. Nós seguiremos ofrecendo a nosa alternativa fronte ao PP para lograr o cambio en 2015.

Descarta entón calquera cambio de goberno nos próximos dous anos?

Non, dependerá de que ACIP e PSOE reconsideren a súa postura. O programa está xa acordado. Independentes e socialistas teñen dúas opcións, ou apoiar a un alcalde do BNG para que gobernemos con ese programa maioritario, ou deixar dous anos máis ao PP en minoría. De momento escolleron ao PP, pero cando queiran poden escoller ao BNG, polo ben de Ponteareas estamos dispostos incluso a gobernar en minoría con ese programa, se entre eles non se poñen de acordo.