Discurso de Xosé Represas na toma de posesión como Alcalde de Ponteareas

Discurso de Xosé Represas na toma de posesión como Alcalde de Ponteareas

Escoita aquí a intervención:

[audio mp3="/redirect/content?slug=Concello-de-Ponteareas-Pleno-investidura-130515-online-audio-converter.com_.mp3"][/audio]

perfilEstimadas compañeiras e compañeiros da Corporación, veciñas e veciños, hoxe é un día histórico para o noso Concello, hoxe Ponteareas abre unha nova etapa, un tempo novo que xera ilusión e esperanza.

Permitídeme, para comezar, compartir con todos e todas vós algúns dos sentimentos que me acompañan ao presidir este acto de constitución da Corporación Municipal do Concello de Ponteareas. Para mín, que sempre estiven implicado en diversas iniciativas sociais e comprometido tamén na política municipal, este será un dos momentos máis emotivos da miña vida.

Primeiramente, gustaríame manifestar a emoción por lograr o reto colectivo de todas as compañeiras e compañeiros do BNG que dende hai máis de 20 levan traballando con ilusión e con forza para gobernar Ponteareas en base aos proxectos e as ideas do nacionalismo galego.

Tamén, a nivel máis persoal, quero falar da alegría que teño por recibir a confianza da maioría da Corporación para ser o Alcalde de Ponteareas, para mín a maior honra que pode ter un ponteareán. Grazas á miña familia e ás persoas ás que lle debo o que son, a todas ás persoas que me axudaron e me apoiaron para chegar ata aquí.

Q55A4203Quero agradecervos a confianza que depositastes en min, especialmente ás concelleiras e concelleiros de PSOE, Riada e Esquerda Unida e, agardo facerme merecedor dela do único xeito que coñezo e podo, co traballo, o esforzo de cada día e o meu compromiso de seriedade e rigor nas actuacións e decisións como Alcalde e Presidente da Corporación.

Ponteareas ten un novo Alcalde, serei un Alcalde que estará ao lado da xente, dialogante, disposto a escoitar e que buscará o consenso para sacar adiante ás prioridades de Ponteareas.

Quero recoñecer aquí a responsabilidade e xenerosidade mostrada por PSOE e Riada para conformar xunto co BNG un goberno estábel e competente para os vindeiros catro anos.

O goberno do BNG, PSOE e Riada, que teño a honra de encabezar, un goberno sustentado nos programas das tres forzas políticas e cun organigrama ben estructurado en áreas de xestión, parte co obxectivo de cambiar o rumbo do Concello, cambios na forma de gobernar e nos proxectos a levar a cabo. Xestionaremos o Concello con transparencia e participación cidadán. Priorizaremos a creación de emprego e dinamizaremos a actividade económica e social. Mellorar o benestar social, a calidade de vida, a protección do medioambiente e do territorio será outra das liñas básicas de actuación do goberno do BNG, PSOE e Riada.

Dedicaremos todas as nosas enerxías para que estes catro anos sexan unha oportunidade única para cambiar ás cousas e mellorar a calidade de vida dos ponteareáns. Estamos seguros que dentro de catro anos, no 2019, Ponteareas estará mellor e terá futuro.

bastonDemocraticamente os veciños e veciñas de Ponteareas, apostaron co seu voto por este cambio político histórico. Pero a partir de hoxe, todos os concelleiros e concelleiras desta Corporación, tanto dende o goberno como dende a oposición cumpriremos co mandato da cidadanía e contribuíremos a consecución do ben común. Nese sentido irán as nosas iniciativas, as actuacións do novo goberno e nesa liña emprazarei tamén a o conxunto da Corporación.  O goberno que presido será un goberno aberto a toda a cidadanía, fose cal fose a opción política que votaran. Á hora de gobernar non miraremos a cor política de ninguén, todos somos cidadáns de Ponteareas, e iso é o único que nos vai importar nos vindeiros catro anos. A porta da alcaldía estará aberta a todos os ponteareáns.

Cambiaremos a forma de facer política en Ponteareas, todos os veciños terán as mesmas oportunidades para traballar no Concello, todas as empresas serán tratadas por igual á hora de concursar para realizar obras para o Concello e Ponteareas será un concello transparente, “con paredes de vidro”, onde calquera cidadán poida comprobar en todo momento que se fai cos seus cartos.

Definiremos un modelo de administración máis áxil e máis eficaz. Un reto particular desta lexislatura tamén será a aprobación do Plan Xeral. Seremos un goberno que reivindicará diante das distintas administracións aquilo que nos corresponde, como o traspaso da Residencia de Maiores, a nova escola Infantil, contar con chan industrial,  diante da Xunta de Galicia ou a construcción da circunvalación diante do Ministerio de Fomento. Serei un alcalde esixente para lograr estas prioridades de todos.

Recuperaremos o orgullo de ser de Ponteareas, a partir do que somos, das nosas potencialidades, dos nosos valores, dos nosos creadores. Ponteareas estará de novo no mapa  e o Corpus, a música, o Tea e tantas outras fortalezas, son as señas de identidade nas que nos basaremos para potenciar o noso Concello, con iniciativas que xeren actividade económica e emprego. Recuperaremos a ilusión dos ponteareáns polo seu pobo.

Quero recoñecer o traballo das concelleiras e concelleiros que se despiden e xa non están na nova Corporación e darlle a benvida aos seis novos concelleiros e concelleiras desta Corporación.

PORTADAHoxe iniciamos un longo camiño para transformar Ponteareas, hoxe iniciamos o cambio para poñer o Concello ao servizo da xente. Nunca estivemos tan esperanzados e ilusionados como hoxe. O ánimo e a ledicia que se respira estes días en Ponteareas e todas as parroquias  axudaranos para superar as dificultades iniciais e a construír un futuro mellor.

Moitas grazas a todos pola vosa presenza neste acto e moi bo día!