O descontrol no Concello é proporcional á incompetencia dos anteriores gobernos do PP

O descontrol no Concello é proporcional á incompetencia dos anteriores gobernos do PP

concelloO BNG de Ponteareas, a través do seu responsábel local, Santiago Domínguez, pediu aos cidadáns que “tomen nota da situación na que o Partido Popular deixou o Concello logo de décadas gobernando”.

Para os nacionalistas “o caos e o descontrol que o novo goberno se está atopando no Concello é proporcional á incompetencia e incapacidade demostrada polos sucesivos gobernos e alcaldes do PP”.

O Bloque refírese ás situacións reveladas nos últimos días polo goberno local “nun concello no que non existen nin bases de datos dos expedientes, onde nos últimos catro anos se tiraron 200.000 euros nunha estación de autobuses da Xunta, onde se deixaron de cobrar 20.000 euros nun aluguer do concesionario da grúa ou onde hai empresas privadas que prestan servizos municipais sen contrato”. O BNG advirte que “probablemente seguirán xurdindo sorpresas nos caixóns do Concello, como as multas e débedas que por importe de máis de 150.000 euros están pendentes de pago á Confederación Hidrográfica e que pasan a engrosar a herdanza que o PP deixou ao novo goberno”.

Santiago Domínguez considera que o Partido Popular “debe asumir as súas responsabilidades no desastre orixinado e se Salvador González tivera un mínimo de vergonza demitiría como concelleiro”. Os nacionalistas animan ao goberno local e ao Alcalde Xosé Represas a “tomar medidas que poñan orde no caos e permitan nos vindeiros catro anos superar os problemas provocados polo PP e dar o cambio que os ponteareáns reclamaron hai uns meses nas urnas”.