Creación dun obradoiro de emprego para 40 persoas

Creación dun obradoiro de emprego para 40 persoas

Xose_RepresasO BNG de Ponteareas, a través do seu portavoz e candidato á alcaldía, Xosé Represas, propón a creación dun obradoiro de emprego para 40 persoas con módulos para traballos de rehabilitación de construcións públicas, recuperación medioambiental e de servizos de axuda no fogar.

Para o Bloque, o paro é o maior problema de Ponteareas. Para isto, Represas indica que “os obradoiros de emprego son unha boa saída, aínda que sexa temporalmente, na loita contra o desemprego, porque promoven a formación práctica para incrementar as saídas laborais”. Por iso esiximos, ao goberno local do Partido Popular, que tramite a solicitude diante da Consellería de Traballo para non perder, un ano mais, a oportunidade de rebaixar o paro en Ponteareas, xa que 3.000 veciños e veciñas están nesta situación.

Co obradoiro, ademais de crear emprego, melloraríanse os servizos en Ponteareas

O BNG propón que o obradoiro de emprego estea centrado na rehabilitación de edificacións públicas e de construcións da arquitectura popular. Outro dos módulos estaría orientado a traballos de recuperación medioambiental. Por outra parte, o módulo de axuda no fogar estaría destinado a formar persoas participantes no desempeño de tarefas e actividades relacionadas coa atención, no seu domicilio, a persoas en situación de dependencia.

Con estas actuacións, ademais de crear emprego para unhas 40 persoas en paro, estaríase coidando o patrimonio municipal, fomentando a recuperación de áreas naturais e paisaxísticas e facilitando a labor das familias que teñen persoas dependentes ao seu cargo.

Ponteareas é o único concello de máis de 20.000 habitantes que non conta cun obradoiro de emprego

Os nacionalistas consideran que Ponteareas ten todas as opcións para lograr un obradoiro de emprego polo número de parados e se se presenta un proxecto como o que plantexan. A orde da Consellaría, publicada o pasado martes, terá en conta o número de persoas paradas e a evolución do paro rexistrado no período 2010/2014. Por outra parte, Ponteareas é o único concello de máis de 20.000 habitantes que non conta cun obradoiro de emprego dende 2008.

Grupo_pleno_outubroRepresas anunciou que levarán ao Pleno municipal estas propostas para que o goberno do PP faga algo máis que propaganda e autobombo, a costa dos cartos públicos, nos seus últimos meses antes das municipais.

Estes proxectos executaranse despois das eleccións de maio e a Xunta subvenciona, a cargo do Fondo Social Europeo, os custos da formación profesional para o emprego -medios, materiais ou contratación de persoal- e os custos salariais derivados dos contratos de traballo que subscriban os alumnos e alumnas. En concreto, nos contratos do alumnado, de seis meses de duración, a Xunta subvencionará o 100% do Salario Mínimo Interprofesional anualmente establecido, incluída unha paga extra. Así mesmo, subvenciónanse as cotas patronais da Seguridade Social.