O BNG, satisfeito polo amplo recoñecemento á estratexia de futuro de Ponteareas

Represas xunto ao equipo técnico da Estratexia
Represas xunto ao equipo técnico da Estratexia
O BNG, satisfeito polo amplo recoñecemento á estratexia de futuro de Ponteareas

O BNG ven de amosar a súa satisfacción despois de que a estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” resultase premiada na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo. Segundo indican dende o BNG, "este premio avala a aposta do goberno de Represas por unha estratexia de cambio, pensando con ideas claras no futuro das veciñas e veciños de Ponteareas”

A chegada do BNG ao goberno supuxo unha evolución para Ponteareas

“A chegada do BNG ao goberno de Ponteareas supuxo unha evolución para a localidade coa elaboración da estratexia `Ponteareas, Hábitat Saudable´. Esta é unha estratexia urbana a longo prazo que sirve para aliñar as actuacións en torno aos obxectivos comúns marcados para facer unha vila máis humana e con maior calidade de vida”, indican os nacionalistas. O BNG destaca o amplo recoñecemento deste proxecto “primeiro, logrando a maior axuda económica da historia de Ponteareas con cinco millóns de euros de fondos europeos pola idoneidade deste proxecto e, agora, co recoñecemento da Bienal de Arquitectura que sitúa a Ponteareas como un referente no panorama internacional, sendo a única iniciativa pública que o logra tal recoñecemento en Galiza”.

Seguindo a liña desta estratexia, na que traballaron técnicos ponteareáns e vinculados coa localidade, o goberno de Represas logrou tamén o apoio doutras administracións como a Deputación de Pontevedra. O seu departamento de Mobilidade, que dirixe o deputado do BNG, Uxío Benítez, elaborou o primeiro Estudo de Mobilidade Sostible da localidade, centrado na recuperación dos espazos públicos para as persoas.

É o momento de traballar na Ponteareas do futuro

Dende o Bloque sinalan que “a estratexia `Ponteareas, Hábitat Saudable´ marcou un punto de inflexión para rematar coa falta de planificación e o crecemento desordenado provocado polos sucesivos gobernos da dereita en Ponteareas durante décadas”. “Ata hai pouco, Ponteareas era coñecida polo urbanismo caótico que levou a ter o planeamento suspendido dende 2002. En só tres anos, o goberno liderado polo BNG conseguiu reverter esta situación e lograr que sexa recoñecida pola súa estratexia de cambio, o que indica que estamos na liña acertada a seguir executando nos próximos anos. É o momento de traballar na Ponteareas do futuro”, conclúe o BNG.