O BNG saca adiante as iniciativas presentadas no pleno do mes de xullo

O BNG saca adiante as iniciativas presentadas no pleno do mes de xullo

O BNG de Ponteareas, no Pleno Ordinario do Concello do mes de xullo, sacou adiante as iniciativas sobre a rebaixa das peaxes da autopista AP-9 e para reclamar que o novo hospital de Vigo dispoña de laboratorio central.

cris_fdezOnde se produciu un arduo debate co PP, que se negou a apoiar a iniciativa, foi na moción para rebaixar as peaxes da AP-9 cara a súa titularidade pública. A concelleira do BNG, Cristina Fernández Davila, expuxo que a gran vía de comunicación que vertebra Galiza de norte a sur, a AP-9, é unha vía que comunica os concellos da comarca co centro e norte do País. As peaxes da autoestrada AP-9 supoñen un gasto moi importante para moitas persoas que teñen que desprazarse desde a Ponteareas até outras vilas e cidades así como para os transportes da industria. Moitas veces o elevado prezo fai inasumible viaxar por esta vía. Para mellorar a competitividade dos transportistas e das persoas que teñen que desprazarse esiximos rebaixas nos prezos e camiñar cara o traspaso a titularidade pública xa que o goberno do PP decidira privatizala até 2048.

A proposta aprobada demanda unha rebaixa dos prezos das peaxes nun 32%, “que é a porcentaxe de aumento das tarifas desde o inicio da crise económica no ano 2007”, explicou Cristina Fernández, que denunciou que o gasto en peaxes ao viaxar a Madrid (12,35 euros) é menor que ao viaxar de Ponteareas a Ferrol (19,15 euros).

O BNG reclama que o novo hospital de Vigo dispoña de laboratorio central.

carrera_peSegundo a concelleira do BNG, Verónica Carrera, a decisión da Consellería de Sanidade de desviar o laboratorio do CHUVI ao hospital do Meixoeiro, como xa ten denunciado o persoal profesional que se encarga de análises clínicas, “vai ter graves consecuencias para a saúde da cidadanía”. Na súa intervención, a concelleira nacionalista, explicou que “non existe ningún criterio científico que xustifique a medida e pola contra ameázase a calidade asistencial. Tampouco é xustificábel por criterios de eficiencia económica, pois a nova situación vai supoñer duplicar o gasto e perder tempo no traslado das mostras.  Mesmo pode acabar implicando a perda de servizos como os transplantes. Isto demostra que estamos diante doutro intento do PP de camiñar cara á privatización da Sanidade Pública”

O BNG lamenta que os concelleiros do PP se negasen a apoiar esta iniciativa e puxesen por diante os intereses de partido e das grandes Corporacións empresariais, antes que o interese xeral da cidadanía.