O BNG reclamará no Pleno que se conceda o asilo político ao activista saharauí Hassanna Aalia

O BNG reclamará no Pleno que se conceda o asilo político ao activista saharauí Hassanna Aalia

Hassanna_MontseO BNG en Ponteareas, a iniciativa da Delegación Saharauí na Galiza e de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, leva ao Pleno do vindeiro martes, 17 de febreiro, unha moción co fin de conseguir o asilo político ao activista saharauí Hassanna Aalia, despois de que no pasado mes se fixese público o auto de resolución da solicitude de asilo político en que se lle comunica a denegación da protección e a súa saída obrigatoria do Estado español. Decisión que toma o goberno de Rajoy sendo coñecedor do castigo que lle espera e o risco real de ser torturado se regresa ao Sáhara Occidental baixo a ocupación de Marrocos

Os nacionalistas propoñen que o Pleno aprobe instar o Goberno galego para que este se dirixa ao Goberno español para lle exixir que, en virtude da lexislación española e do compromiso do noso país co respecto aos Dereitos Humanos, lle conceda o asilo político a Hassanna Aalia, defensor do dereito de autodeterminación do pobo saharauí recoñecido pola lexislación internacional, dado que o seu retorno ao Sáhara Occidental supón un risco real para a súa integridade física.

Segundo denuncia o BNG, o Ministerio do Interior denegou a petición de asilo de Hassanna Aalia, a pesar de contar cun contundente informe de ACNUR, que apoiaba a solicitude en virtude das súas circunstancias excepcionais, recoñecendo o seu activismo, as detencións que sufriu, os malos tratos, o acoso e a presión á que foi sometido por parte da policía marroquí, e a tortura de que foi obxecto. A primeira vez que foi torturado tivo lugar en outubro de 2005, cando tiña 17 anos, por participar nunha manifestación pacífica á saída da escola. Estivo dous días retido e, segundo declarou Hassanna, “os maltratos comezaron na mesma rúa onde fun arrestado e seguiron dentro do vehículo. Xa en comisaría, espíronme, colgáronme boca abaixo durante varias horas e non me deixaron beber auga”.

 O BNG pide a comparecencia do Alcalde por incumprir os acordos das actividades de SOGAPS

O BNG tamén pide a comparecencia do Alcalde, Salvador González Solla, polos incumprimentos, nos últimos anos, dos acordos de apoio ás actividades da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí como o programa vacacións en paz de nenos saharauís, ou sobre a irmandade de Ponteareas cunha “daira” saharauí aprobada en 2013.