O BNG reclama no Congreso a Gallardón o mantemento do partido xudicial de Ponteareas

O BNG reclama no Congreso a Gallardón o mantemento do partido xudicial de Ponteareas

CONGRESOA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para demandarlle ao Ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, que garanta a permanencia do partido xudicial de Ponteareas porque da servizo a unha ampla comarca.

Davila pón de manifesto que en concellos como Crecente houbo pronunciamentos unánimes de plenos das corporacións en contra da posibilidade de que se elimine o partido xudicial de Ponteareas, que cubre a moitas poboacións das comarcas de O Condado e Paradanta.

A deputada do BNG lembra que desde o primeiro momento no que tivemos coñecemento do informe encargado polo Ministerio de Xustiza á Comisión de Expertos sobre a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial, sobre todo por plantexar unha reforma da Demarcación de Planta que suprime a maior parte dos partidos xudiciais, relegándoos a un único partido xudicial por provincia, nas capitais de provincia, “amosamos a nosa posición en contra dunha medida así”.

Vai abandoar a idea de pechar partidos xudiciais?

“Desde o BNG levamos un ano advertindo dos negativos efectos dun plantexamento deste tipo, que afectaría a cidades galegas de importanza así como a vilas grandes”. Ademáis, sostén, Galiza conta coa maior dispersión poboacional do estado, “e sería un varapao que se suprimisen partidos xudiciais que obrigarán á cidadanía e ás empresas a continuos desprazamentos, co conseguinte gasto económico e perda de tempo”.

Por esta razón, a parlamentar do BNG formula unha batería de preguntas ao Ministerio presidido por Gallardón: “Vai o Ministerio a dar marcha atrás na idea de eliminar partidos xudiciais? É consciente dos problemas que vai xerar en lugares como Ponteareas? Non debería camiñar precisamente na dirección oposta, a de reforzar a xustiza en lugar de recurtala?”