O BNG reclama 1,5 millóns para a circunvalación de Ponteareas

O BNG reclama 1,5 millóns para a circunvalación de Ponteareas

Represas, en sala de prensaO BNG de Ponteareas deu a coñecer a emenda presentada aos orzamentos do Estado para incorporar unha das prioridades de Ponteareas, a circunvalación. Esta actuación, demandada polo BNG dende hai anos, ten como obxectivo mellorar as condicións de circulación do tráfico rodado no interior do núcleo urbano de Ponteareas e tamén mellorar a conexión do concello e da estrada N-120 coa Autovía das Rías Baixas (A-52).

O portavoz municipal do BNG, Xosé Represas, indicou que centraron as demandas de Ponteareas nesta reivindicación xa histórica, dende a apertura da autovía en 1996, para forzar ao PP a ampliar ata 1,5 millóns de euros a ridícula partida de 120.000 euros prevista polo goberno de Rajoy.

Última oportunidade do PP para cumprir as súas promesas sobre a circunvalación de Ponteareas

Reunion con Ana PastorOs orzamentos do Estado para 2015 son os últimos do mandato de Rajoy, por iso os nacionalistas afirman que esta é a última oportunidade do Partido Popular, da Ministra de Fomento, Ana Pastor e do Alcalde Salvador G. Solla, para cumprir as súas promesas coa circunvalación de Ponteareas. “Prometérona en sucesivas campañas electorais, incluso o Alcalde anunciou en 2012, despois de reunirse coa Ministra, que nese ano se realizaría o estudo informativo da circunvalación, pero seguimos igual, nada de nada, só propaganda”, declarou o portavoz do BNG.

Para os nacionalistas, só cabe un compromiso concreto nos orzamentos cunha partida suficiente para o proxecto e o inicio da obra así como a consignación plurianual necesaria para a súa execución, “só así se pode falar de que Ponteareas vai contar con circunvalación, todo o demais sería unha nova burla á cidadanía de Ponteareas”, afirmou Represas.