BNG e PSdG-PSOE acadan un pacto de goberno en Ponteareas

Represas e Garrote salientan que “dá resposta ao mandato da cidadanía e servirá para afrontar con éxito os retos de Ponteareas até 2023”

BNG e PSdG-PSOE acadan un pacto de goberno en Ponteareas

Xosé Represas e Chus Garrote asinaron hoxe o pacto de goberno acordado entre BNG e PSdG-PSOE para gobernar en coalición en Ponteareas durante o vindeiro mandato. BNG e PSdG-PSOE suman doce concelleiros e concelleiras nunha corporación onde a maioría absoluta se sitúa nos once edís.

Ambos os dous líderes das forzas nacionalista e socialista amosáronse moi satisfeitos co acordo xa que “dá resposta ao mandato da cidadanía expresado nas urnas o pasado mes de maio, cando unha ampla maioría de ponteareáns deron o seu respaldo ao traballo do goberno de coalición dos últimos catro anos”.

Represas e Garrote salientaron que “o acordo é bo para Ponteareas, dá estabilidade ao Concello por outros catro anos máis e permítenos afrontar os retos e as demandas sociais de maneira eficaz cun concello normalizado despois do grande esforzo feito no anterior mandato”.

O acordo componse dun programa de goberno no que se recollen os eixos básicos de actuación do executivo local até 2023. Ademais, o pacto establece a asignación de responsabilidades, correspondendo a alcaldía a Xosé Represas e distribuíndose o resto de áreas en proporción á representación do BNG, nove edís, e do PSdG-PSOE, tres edís, no goberno municipal.

As liñas programáticas estrutúranse en sete capítulos: Ponteareas democrática, que abrangue o bo goberno, transparencia e participación cidadá; Ponteareas confortábel, en referencia á mellora da calidade de vida e da convivencia; Ponteareas viva, que aborda as políticas culturais, deportivas e de lecer; Ponteareas recoñecida, en relación coa proxección de Ponteareas no exterior; Ponteareas cohesionada, onde se marcan os obxectivos de cohesión social, benestar, igualdade e mocidade; Ponteareas desenvolvida, que comprende as políticas de desenvolvemento económico e emprego e, finalmente, Ponteareas Concello galego no mundo, que engloba a memoria, a historia, a galeguidade e a solidariedade cos pobos do mundo.

Entre as medidas máis salientábeis atópanse a aprobación inmediata do PXOM, a dotación de auga e accesos pavimentados ao 100% da poboación, a execución do Plan Director de Saneamento para atender a un terzo da poboación que carece del, a humanización da vila, a recuperación do Tea coa ampliación da estación depuradora, a xestión co Estado das melloras da N-120 e a circunvalación e a elaboración e execución dun plan de desenvolvemento económico local para implantar novas actividades e crear emprego en Ponteareas.

No reparto de responsabilidades o BNG asume as áreas de facenda, bo goberno e participación cidadá, medioambiente, benestar social e igualdade, promoción económica, mobilidade, tráfico e seguridade cidadá, cultura, ensino e deporte, así como dúas áreas de coordinación con criterios territoriais: medio rural e medio urbano. Pola súa banda, o PSdG-PSOE ocuparase de vías, obras e alumeado, formación e emprego, persoal e novas tecnoloxías. En materia de urbanismo, o planeamento será compartido entre as dúas formacións, mentres que a xestión urbanística será responsabilidade do BNG.