BNG propón reducir un 50% as taxas de auga e saneamento ás familias con ingresos inferiores ao SMI

BNG propón reducir un 50% as taxas de auga e saneamento ás familias con ingresos inferiores ao SMI

Xose_Represas

Xosé Represas, portavoz municipal do BNG de Ponteareas, anunciou a iniciativa dos nacionalistas para modificar as ordenanzas fiscais co fin de “favorecer ás persoas que estean nunha situación máis precaria a nivel económico”. O BNG propón modificar e ampliar as bonificacións das taxas e ordenanzas municipais para axustalas a realidade actual como consecuencia da grave crise económica. Entre as propostas está a redución do 50% das taxas de auga e saneamento para aquelas familias con ingresos inferiores ao salario mínimo.

O Bloque Nacionalista Galego considera urxente aprobar as reducións e bonificacións para os colectivos desfavorecidos como consecuencia da grave crise económica que estamos a sufrir. O BNG propón rebaixar as taxas para aliviar a carga fiscal en 2015, xa que neste ano 2014 o Partido Popular non fixo outra cousa máis que incrementar os impostos a todos os niveis: subida da contribución (IBI), imposto de rodaxe de vehículos, taxas de auga, imposto de obras e construcións, etc.

As ordenanzas deben ter en conta a capacidade de pago das contribuíntes, xa que hai 3.000 persoas en paro

Xosé Represas xustificou estas medidas salientando que “as ordenanzas fiscais do Concello de Ponteareas deben ter en conta a capacidade de pago dos contribuíntes, de acordo cos principios de equidade e xustiza social, máxime cando en Ponteareas os efectos da crise son ben duros con máis de 3.000 persoas en paro”

Redución no IBI da vivenda para as familias numerosas

Outra das medidas propostas polo BNG consiste en modificar as bonificacións pola contribución (IBI) da vivenda ás familias numerosas como prevé a lexislación catastral. A ordenanza do IBI está sen actualizar neste apartado dende o ano 2007, antes da revisión dos valores catastrais. A reducción sería dun 30% para as familias de categoría xeral, aplicable á vivenda habitual.