O BNG propón conxelar as taxas e impostos municipais para 2014

O BNG propón conxelar as taxas e impostos municipais para 2014

O portavoz municipal do BNG en Ponteareas, Xosé Represas, presentou as emendas ás taxas municipais, para o vindeiro ano 2014, que se debaterán no Pleno Extraordinario convocado polo goberno local do Partido Popular para o mércores ás 9:30 da mañá.

Represas advirte que “a situación económica das familias é moito peor que hai un ano e non se poden pedir máis esforzos aos veciños e veciñas que xa cargan con recibos da contribución abusivos, e menos para tapar a nefasta xestión do PP no Concello, do alcalde, Salvador G. Solla e da concelleira de facenda, Belén Villar”. O portavoz nacionalista reclamou a conxelación dos impostos de vehículos e construcións, das taxa do lixo, Conservatorio e escola de música, axuda no fogar, Asprodico e escola infantil.

“A crise económica, sumada aos recortes dos gobernos Rajoy e Feijoo e ao incremento dos impostos e do IVE fronte ás rebaixas nos salarios, están a repercutir negativamente na maioría das familias, polo que dende o Concello deberiamos facer o que estea na nosa man para evitar incrementarlle unha maior carga impositiva aos cidadáns” manifestou Represas.

O portavoz municipal do BNG destacou que “a cidadanía non pode asumir as cargas dos despilfarros, destrago de cartos e intereses de demora da xestión do goberno local do PP”.

Xosé Represas engadiu que é inasumible un novo incremento de tributos mentres Solla e Villar seguen despilfarrando os impostos que pagamos realizando pagos ilegais ou contratando traballos que poden realizar os empregados municipais, contratos que acaban favorecendo a empresas e autónomos próximos ao PP”, salientou.

Para o nacionalista, a proposta do Bloque non empeora a situación do Concello. “Con estas subas só se carga máis a cidadanía pero non se soluciona a situación económica do Concello que precisa doutras medidas que o PP nin quere, nin é capaz de aplicar porque iría contra o seu tinglado de enchufismo, corrupción e despilfarro”

O BNG propón conxelar as taxas e impostos municipais para 2014