O BNG propón consensuar as bases de contratación de persoal do Concello de Ponteareas

O BNG propón consensuar as bases de contratación de persoal do Concello de Ponteareas

Queremos rematar co caciqueo do PP pactando procesos transparentes na selección de persoal

IMG_2039O BNG de Ponteareas, a través do seu portavoz municipal, Xosé Represas, deu a coñecer a iniciativa dos nacionalistas para cambiar radicalmente a política de contratación de persoal no concello de Ponteareas. O BNG propón consensuar, con todos os Grupos da Corporación Municipal e os Sindicatos, as bases de contratación de persoal do concello para que todas as ofertas, do concello ou con cargo aos programas de emprego da Xunta e da Deputación, garantan a participación de todos os veciños e veciñas en paro.

A iniciativa, propón controlar todos os pasos para acceder a un posto de traballo no Concello. “É urxente abrir unha nova etapa que garantice a transparencia e a igualdade de oportunidades, que todos os ponteareáns interesados en traballar no Concello e que reúnan as condicións de preparación e capacidade non sexan discriminados, que poidan participar”, manifestou o portavoz nacionalista.

A nosa iniciativa regularía o proceso de contratación de 17 persoas con cargo ao Plan de emprego da Deputación

Os nacionalistas presentarán unha proposta concreta das bases que regularían a contratación, a partir do mes de abril, de 17 persoas en paro que contratará o Concello con cargo ao Plan de cooperación provincial.

Dende o BNG advirten da falta de transparencia e obxectividade na inmensa maioría dos procesos de selección de persoal realizados no concello para os plans de cooperación da Xunta de Galiza ou os distintos plans de emprego a cargo da Deputación. O goberno local do Partido Popular sigue realizando as prácticas corruptas e caciquís de sempre, prácticas que xa levaron no seu día a inhabilitación durante 10 anos do anterior alcalde do PP, José Castro, e todo o seu goberno, a partir da denuncia xudicial realizada polo BNG.

Para os nacionalistas, no aceso á función pública hai que ser especialmente escrupulosos nos procedementos e garantir a igualdade de oportunidades para todas as persoas, tendo en conta só os méritos e a capacidade. “As prácticas corruptas, os compincheos e os escándalos nas contratacións de persoal, que os gobernos do PP repiten dende hai décadas, teñen impedido que miles de veciños e veciñas tivesen a oportunidade de acceder a un posto de trabalo no Concello” afirmou o portavoz do BNG.

Represas criticou a utilización das entrevistas individuais, sen ningún tipo de criterio técnico obxectivo, nun claro exemplo de discrecionalidade e de vulneración dos principios lóxicos de obxectividade, transparencia e garantía de todo o proceso. Ademais, citou irregularidades en varios procesos, sen publicidade das bases de contratación, descoñecidas polos participantes, sen garantías nos criterios de profesionalidade e seguridade, de concorrencia de méritos, etc.