O BNG presenta as medidas de apoio ao comercio e hostalería de Ponteareas

O BNG presenta as medidas de apoio ao comercio e hostalería de Ponteareas

Bautista_plenoO BNG de Ponteareas fixo chegar a comerciantes e hostaleiros, nunha publicación específica, as medidas concretas para promocionar e potenciar desde o concello a actividade comercial. “Fronte as políticas negativas do PP e fronte a paralización do goberno local -de Solla, Villar e Valado, máis preocupados polo seu futuro persoal e xudicial que por Ponteareas- os nacionalistas, conscientes da necesidade de por en marcha actuacións propias para o comercio, levaremos a Pleno as propostas do cambio político que o comercio local precisa” afirmou Hortensia Bautista, concelleira do BNG.

Os nacionalistas reuníronse coas asociacións de comerciantes de Ponteareas para presentarlles un completo paquete de medidas que pode tomar a Corporación, dentro das competencias municipais, para potenciar a Ponteareas como centro comercial comarcal. As medidas pasan por favorecer as compras no comercio local e rebaixar determinadas cargas fiscais do Concello.

Recuperación do mercado dos sábados, aparcamentos, incentivos fiscais e a dinamización do comercio

Entre as prioridades, Bautista destacou a emisión dun “bono comercio Ponteareas”, a recuperación das feiras e mercados, a regulación do tráfico, a dotación de novas zonas de aparcamentos e a dinamización do comercio para xerar movemento de consumidores nas zonas comerciais da vila.

Outro paquete de medidas están relacionadas cos incentivos fiscais; a aprobación de medidas concretas para incentivar as reformas e melloras coa bonificación do 100% das taxas municipais para obras menores ou rebaixar nun 50% o recibo do lixo durante os tres primeiros anos de funcionamento dos novos negocios.

Valoración moi positiva do sector para a emisión do “BONO COMERCIO PONTEAREAS”

Por último, Hortensia Bautista destacou a valoración moi positiva recibida de todo o sector, asociacións e comerciantes en xeral, da proposta do BNG para a creación do “BONO COMERCIO PONTEAREAS” co obxectivo de incrementar as compras e o consumo en Ponteareas nos vindeiros meses. Desta iniciativa beneficiaranse tanto o comercio e a hostalería como os veciños e veciñas. Con esta medida obteríase un aforro do 25% nas compras sen ningún custe para os comerciantes.