LUÍS BARÁ PON EN EVIDENCIA O DOBRE DISCURSO DO PP ANTE AS NECESIDADES DE PONTEAREAS

O BNG presenta emendas ante o “apagón inversor” da Xunta en Ponteareas nos Orzamentos para 2019

O BNG presenta emendas ante o “apagón inversor” da Xunta en Ponteareas nos Orzamentos para 2019

O BNG, a través do deputado no Parlamento Galego Luís Bará, deu a coñecer en Ponteareas as emendas que presentará aos Orzamentos da Xunta para 2019. Acompañado polo alcalde, Xosé Represas, e membros do BNG da localidade, Bará denunciou o “apagón inversor da Xunta en Ponteareas, froito do sectarismo e partidismo do goberno do PP que intenta castigar por motivos políticos ás veciñas e veciños dun concello no que goberna o BNG”

Luís Bará asegurou que, coas emendas presentadas, “o BNG demanda actuacións e investimentos necesarios para Ponteareas, como a mellora dos centros educativos, a  ampliación do subministro de auga potable, a depuración ou o impulso do proxecto da circunvalación de Ponteareas e a mellora da seguridade viaria na PO 403”. O deputado nacionalista pon en evidencia “o dobre discurso do PP, que en Ponteareas di apoiar estas necesidades básicas e logo no goberno galego vétaas e non destina nin un euro para facelas realidade”

1,5 millóns de euros para mellorar os centros educativos

bouza breyDetallando as emendas, o BNG solicita que se destine 1,5 millóns de euros ás melloras dos centros educativos. O alcalde, Xosé Represas, afirma que “un edificio como o do CEIP Fermín Bouza Brey, con máis de 40 anos, precisa unha rehabilitación integral como leva demandando durante anos a comunidade educativa”. Así mesmo, destacou entre outras cuestións “a necesidade da construción de ximnasios para o colexio Feliciano Barrera de Guláns e o colexio Fraga do Rei de Santiago de Oliveira, que tamén precisa comedor escolar, ou a cuberta dos patios dos colexios Ramiro Sabell e Nosa Señora dos Remedios”

En canto ás infraestruturas, o BNG insta ao goberno do PP na Xunta a “concretar partidas específicas para o proxecto da Circunvalación, imprescindible para levar a cabo o compromiso asumido no 2015”. Así mesmo, solicita “a dotación de beirarrúas na estrada PO 403 que une Ponteareas con Salvaterra, especialmente en zonas urbanas como a Avenida Castelao, que sendo propiedade da Xunta aínda non conta a día de hoxe con beirarrúas nalgún dos seus tramos”.

A nova escola infantil, a realización do proxecto de saneamento para a parroquia de Ribadetea ou a restauración e protección de elementos patrimoniais como a Ponte dos Remedios completan as emendas presentadas polo BNG.