O BNG presenta emendas aos Orzamentos do Estado para a seguridade viaria na N-120 e a variante de Ponteareas

Néstor Rego, no Congreso
Néstor Rego, no Congreso

Néstor Rego criticou o cinismo do goberno do PSOE e Podemos e amosou o seu compromiso coas necesidades vitais para Ponteareas

O BNG presenta emendas aos Orzamentos do Estado para a seguridade viaria na N-120 e a variante de Ponteareas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de anunciar que a formación nacionalista presentará emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, instando ao goberno do PSOE e Podemos a investir nas necesidades históricas e vitais para Ponteareas como a seguridade viaria na N-120 e a construción da variante.

Néstor Rego, coa Plataforma VeciñalNéstor Rego afirmou a súa total disposición a xestionar ante o goberno do Estado a previsión destes investimentos, e amosou a súa rotundidade na defensa destes proxectos. “Dende o BNG non imos tolerar que continúen as burlas á veciñanza de Ponteareas, que leva décadas sufrindo esta inseguridade mentres teñen que observar como o PP e o PSOE se pasan a pelota hipocritamente ao longo dos anos sen pórlle solución”, sinalou Rego.

O deputado do Bloque asegurou non comprender o cinismo do goberno do PSOE e Podemos ao non contemplar esta inversión para Ponteareas, xa que “existe un proxecto de seguridade viaria presentado polo Ministerio, así como o compromiso do mesmo ante a Corporación Municipal e a Plataforma Veciñal para executalo nos vindeiros anos”. Rego indicou que “eses compromisos deben plasmarse nos Orzamentos con partidas económicas”, e lembrou que “mentres isto non se realiza, continúan sucedéndose os accidentes nesta estrada, varios deles con vítimas mortais”

En canto á Variante de Ponteareas, Néstor Rego lembrou que se prometeu “hai máis de vinte anos, e tras os gobernos de Aznar, Zapatero, Rajoy e agora Sánchez seguimos sen solucións”. O deputado nacionalista sinalou que, recentemente, “a Dirección General de Carreteras comprometeuse a executala, e agora estamos ante o momento clave para concretar economicamente ese compromiso, coa consignación plurianual suficiente para a súa execución”.

O BNG presenta emendas aos Orzamentos do Estado para a seguridade viaria na N-120 e a variante de Ponteareas