O BNG presenta emendas aos Orzamentos da Xunta para atender demandas prioritarias de Ponteareas

O BNG presenta emendas aos Orzamentos da Xunta para atender demandas prioritarias de Ponteareas

Rolda prensa orzamentos XuntaA Deputada Carme Adán, o responsábel comarcal, Pedro Pereira e o portavoz do BNG en Ponteareas, Xosé Represas, presentaron en rolda de prensa as emendas do BNG aos Orzamentos xerais da Xunta de Galiza destinados a Ponteareas. En total son 4 emendas por un total de 2 millóns de euros nas que se reclaman investimentos para atender demandas prioritarias de Ponteareas.

En concreto, o BNG reclama a recuperación integral do CEIP “Fermín Bouza Brey”, así como obras de mantemento e de patios cubertos nos demais centros de educación infantil e primaria de Ponteareas e unha maior cofinanciación da Xunta para a construción da nova escola infantil. Outra das emendas é para a realización do proxecto de colector xeral do Tea e o Miño ata a depuradora de Guillarei para resolver os graves problemas de saneamento en todo o concello e para eliminar a depuradora actual, insuficiente e situada no centro urbano. Por último, os nacionalistas reclaman a realización de obras de mellora e de seguridade viaria das estradas autonómicas en Ponteareas, estradas que transcorren por 10 parroquias do concello.

Carme Adán destacou que as contas autonómicas desatenden necesidades básicas de Ponteareas como as carencias nos centros de ensino, a falla de saneamento en 20 parroquias ou as demandas de mellora na seguridade viaria. A deputada do BNG tamén afirmou que o goberno de Feijoo non está preocupado polo emprego nin pola grave situación que sofren miles de familias polas consecuencias da crise económica. Adán  lembrou a proposta do BNG de mobilizar 700 millóns de euros para emprego e gasto social, “diñeiro que se recadaría dos que máis teñen e con medidas de aforro”

Con estas emendas, o BNG de Ponteareas pretende que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2014 dean resposta a necesidades esquecidas polo Goberno de Feijoo. Para os nacionalistas, as máis sangrantes de todas son a recuperación integral do Bouza Brey e as obras necesarias no resto dos centros de infantil e primaria, así como a partida para a nova escola infantil. Dende o BNG aludiuse ao escaso peso político do alcalde, Salvador G. Solla, incapaz de xestionar os investimentos demandados dende hai tempo e que son prioritarios para Ponteareas.

Represas explicou tamén que se poderían facer máis emendas e por cantidades maiores pero “apostamos por unhas emendas realistas que con vontade política se poden traducir en feitos que resolvan carencias demandadas dende hai anos”, concluíu.

O BNG presenta emendas aos Orzamentos da Xunta para atender demandas prioritarias de Ponteareas