O BNG pregunta no Parlamento que motivos hai para negar o comedor a 60 nen@s no CEIP Ramiro Sabell

O BNG pregunta no Parlamento que motivos hai para negar o comedor a 60 nen@s no CEIP Ramiro Sabell

A deputada do BNG, Carme Adán, acompañada polo Portavoz Municipal, Xosé Represas, e concelleiras do BNG de Ponteareas, participou hoxe da protesta organizada polos pais e nais do alumnado do CEIP Ramiro Sabell en Ponteareas “comendo un bocadillo” diante do Concello de Ponteareas, ante a decisión da Consellería de Educación de deixar fora  do comedor a 60 nenos e nenas despois de telo solicitado no momento da matriculación.

A nacionalista presenta diversas preguntas parlamentarias ao fin de coñecer os motivos desta medida e acusa ao conselleiro Jesús Vázquez de non ser “consciente da gravidade da mesma” ao impedir a conciliación  de máis dun cento de familias e provocar un maior gasto.

Adán explica que os recortes de comedores provocaron que moitos cativos quedaran sen este servizo e a ANPA “Pena do Equilibrio” do CEIP Ramiro Sabell de Ponteareas, cun centro de 450 alumnos, xa ten denunciado esta situación. A deputada lembra que o centro ofertaba o servizo de comedor no momento de realizar a matrícula e as nais e pais contaban con este servizo para conciliar a súa vida laboral e familiar.

Das 120 solicitudes de comedor, a Consellería só atendeu a metade, deixando fora a 60 nenos e nenas, polo que a parlamentar nacionalista preguntará na Cámara galega porque razón se tomou esta medida que condena a boa parte do alumnado a quedar sen comedor e provoca unha grande discriminación no centro.

Para a deputada, a decisión da consellería provocará que moitos nenos e nenas comerán un bocadillo no patio mentres outr@s poden comer no comedor do centro.