O BNG de Ponteareas reclama a colocación de marquesiñas escolares

O BNG de Ponteareas reclama a colocación de marquesiñas escolares

Menores de Cristiñade, Padróns, Canedo ou o IES Ponteareas agardan á intemperie polo autobús escolar

O BNG de Ponteareas reclamou na Comisión de Ensino, ao alcalde Salvador González Solla e ao concelleiro de ensino Andrés Sampedro, a colocación de marquesiñas escolares en Cristiñade, na parada de Puño, en Padróns, no cruce de A Serra-A Seca, no cruce de Canedo, no Barral, exterior do IES Ponteareas e noutros lugares como teñen demandado nais, pais e mesmo equipos directivos dos centros de ensino públicos para mellorar as condicións e a seguridade do alumnado que agarda polos autobuses escolares.

marquesiña_bus_Padróns_parroquias

“As familias levan anos demandando a instalación destas marquesiñas, nalgúns casos incluso presentaron as reclamacións coas sinaturas de nais e pais”, afirmaron os nacionalistas, que criticaron a despreocupación e desidia do goberno do PP. “Non lles preocupa que inverno tras inverno, ducias de nenas e nenos de entre 5 e 16 anos, teñan que agardar cada día polo bus escolar á intemperie. Nin Solla nin Sampedro son conscientes do que isto supón para os menores”, manifestou Hortensia Bautista, concelleira do BNG.

O Bloque tamén reclama a substitución das marquesiñas que se atopan en mal estado, así como a reposición das que foron destruídas por accidentes como sucedeu nos últimos meses na parroquia de Arnoso.

Diante da reclamación do BNG na Comisión de Ensino, a resposta de Solla e Sampedro foi que estas obras e outras peticións das ANPAS e das direccións dos centros de ensino, colocaríanse cando se puidese e houbese presuposto, que había outras prioridades.

Solla e Sampedro néganse a que a Policía Local regule o tráfico e garanta a seguridade do alumnado do CEIP Ramiro Sabell e do IES Ponteareas

Sobre as solicitudes de presenza da Policía Local nos horarios de entrada e saída das aulas do CEIP Ramiro Sabell e do IES Ponteareas, para garantir a seguridade do alumnado e regular o tráfico, a resposta do Alcalde e do concelleiro de ensino foi que a Policía Local estaba ocupada nas entradas e saídas doutro centro público e dun privado e que non podía atender a todos. Solla e Sampedro volveron a demostrar a súa incapacidade de xestión e negáronse a realizar unha asignación de persoal da policía local que permitise garantir tamén a seguridade do alumnado destes dous centros públicos.

Solla e Sampedro son os "criados do PP", por pagar con cartos do Concello obras que tiña que realizar a Xunta

Hortensia_Bautista

Dende o BNG tamén critican a xestión do goberno local na área de educación. “En lugar de esixir da Xunta as melloras que necesitan os centros educativos, obras que a Consellería de Educación está obrigada a realizar, Solla e Sampedro utilizan os impostos dos ponteareáns para tapar a falta de compromiso do PP con Ponteareas, pagan cos cartos do Concello obras que obrigatoriamente tiña que pagar a Consellaría, como patios cubertos ou novos tellados dos centros de ensino”.

Os nacionalistas cualifican de “criados do PP” a Solla e Sampedro por este proceder servil e sumiso ás autoridades educativas. Políticos sen agallas á hora de reclamar da Xunta o que está obrigada a realizar en Ponteareas, actitude que contrasta coa súa negativa a realizar outras obras ou actuacións de moito menor custe e que si son de competencia municipal. “A realización destas pequenas obras é unicamente unha cuestión de vontade política do goberno local, non é o que custan nin hai limitacións técnicas que o impidan, só se precisa vontade e decisión para xestionar a súa execución”, indicou Hortensia Bautista.