O BNG de Ponteareas propón axilizar os cambios no PXOM para a súa aprobación

O BNG de Ponteareas propón axilizar os cambios no PXOM para a súa aprobación

09O BNG móstrase partidario de concretar un calendario para axilizar os cambios no PXOM de Ponteareas en base ás alegacións presentadas polos veciños, colectivos sociais e grupos políticos co obxectivo de lograr o consenso de todos para a súa aprobación en poucos meses. Este martes celébrase unha nova reunión da Comisión do Plan Urbanístico coa participación do equipo técnico do PXOM e representantes dos catro grupos políticos da Corporación.

Nesta nova xuntanza, continuarase co proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ponteareas (PXOM), despois de que se estudaran unha parte das alegacións correspondentes aos edificios fora de ordenación, a ubicación da depuradora en Moreira, sobre o Polígono da Lomba ou as modificacións dos viais en Canedo, San Vicente e As Cachadas.

Maior seguridade xurídica para os edificios fora de ordenación

Nas últimas reunións, o BNG propuxo concretar a normativa para os edificios que o Plan deixaba fora de ordenación por altura, fondo, retranqueos de rúa, etc, para dar maior seguridade xurídica aos propietarios, recollendo a petición das alegacións presentadas polos veciños e o BNG. Deste xeito o Plan recoñecería como parámetros normativos de altura e volume os que se derivan das edificacións construídas conforme á licenza e o planeamento anterior.

Modificacións no entorno do Regato da Venda e eliminación dunha área urbanística (AR-04)AR_04

Outro dos cambios a realizar afecta a todo o entorno do Regato da Venda como consecuencia das obras de recuperación que se están realizando, proxecto que non fora incorporado na aprobación inicial do PXOM como xa advertiran no seu momento a Arquitecta Municipal e o BNG. Unha das consecuencias desta modificación é a eliminación da área de aproveitamento urbanístico situada na entrada de Canedo (AR-04), xunto ao antigo matadoiro, proposta que tamén coincide con outra das alegacións do BNG.

Modificacións nos viais previstos en Canedo, San Vicente e As Cachadas

Nas últimas reunións tamén se presentou un primeiro avance de modificacións a realizar no Plan sobre os viais previstos en Canedo, San Vicente e As Cachadas. A proposta presentada polo equipo técnico do PXOM coincide coas alegacións presentadas polos veciños; eliminación do vial de alta capacidade que afectaría a decenas de vivendas nesta zona, ademais do Centro Asprodico. Este vial quedaría cunhas características similares as actuais. A proposta inclúe a alternativa defendida polo BNG de trazado dun novo vial que transcorrería máis próximo a estrada N-120, a través dos sectores urbanísticos a desenvolver e que non afectaría as vivendas existentes.