O BNG de Ponteareas, en contra do xenocidio ao Pobo Palestino

O BNG de Ponteareas, en contra do xenocidio ao Pobo Palestino

palestinaDende hai uns días asistimos horrorizados e espantados ao xenocidio, porque non se pode chamar doutro xeito, que está a perpetrar Israel contra o pobo palestino, concretamente contra a franxa de Gaza, un territorio de apenas 151 quilómetros cadrados, pouco máis que o noso concello, pero onde viven preto de millón e medio de persoas.

Fronte a este horror, denunciamos a pasividade do que se vén en chamar a “comunidade internacional”, e concretamente da Unión Europea e de Estados Unidos que se manteñen pasivos fronte o asasinato de miles de persoas, que xa foron cualificados pola ONU como crimes de Guerra de Israel.

O silencio cómplice e a pasividade da Unión Europea só se explica polos intereses comerciais, políticos e xeoestratéxicos que teñen na zona, e prefiren ver asasinato de centos de persoas inocentes a perder as súas oportunidades de negocio, fronte a un pobo, o Palestino, que quere gobernarse por si propio e dispoñer das súas riquezas para beneficio do seu pobo.

O BNG esixe ao Estado que medie para que Israel cumpra o reparto territorial de 1948

Por todo isto, vimos de presentar unha moción onde condenamos o ataque criminal perpetrado polo Estado de Israel contra a Faixa de Gaza, reclamando o cese inmediato dos ataques e bombardeos de Israel contra o pobo palestino. Esiximos tamén o derrube do muro da vergoña, que ao longo do case 700 quilómetros bloquea e mantén nun gueto a miles de palestinos. Esiximos que o Estado Español abandone a súa actitude pasiva diante deste conflito e esixa a Israel o cumprimento do dereito internacional e das resolucións que aprobaron as Nacións Unidas desde 1948, de reparto territorial, así como a resolución 194 que obriga a Israel a asumir o dereito de retorno da poboación palestina a súa terra.

Malia a distancia física que nos separa de Palestina, nós, as e os nacionalistas galegos, asumimos como propias as lexítimas reivindicacións do pobo palestino e animamos a cidadanía a manifestarse para repudiar estes crimes. Como persoas non podemos calar e tolerar o xenocidio dun pobo.

galizagaza