O BNG de Ponteareas, en contra do canon bibliotecario

O BNG de Ponteareas, en contra do canon bibliotecario

O BNG de Ponteareas vén de presentar unha moción, para o seu debate no Pleno municipal do vindeiro 21 de outubro, en contra do canon que o Goberno do Estado quere aplicar ás bibliotecas, pedindo a súa paralización así como poñer medidas e partidas orzamentarias suficientes para a mellora, modernización e consolidación das bibliotecas públicas galegas.

É un claro ataque ás bibliotecas públicas e municipais

Biblioteca Municipal.Para os nacionalistas esta medida é un claro ataque ás bibliotecas públicas e municipais, que verán aínda máis diminuídas as posibilidades de actualizaren o seu fondo, e fai recaer o peso do pago sobre os Concellos. A normativa representa tamén un ataque ao dereito da cidadanía á lectura e ao acceso á cultura, prexudicando, unha vez máis, a quen menos ten, pois ao deteriorarse este servizo público dificultarase o acceso á cultura das persoas con menos recursos.

Segundo o BNG, co Real Decreto do Estado dáse tamén o paradoxo de que as bibliotecas que prestan máis servizo e que teñen máis fondos e maior número de empréstitos son prexudicadas ao teren que achegar máis cartos por dar un maior e mellor servizo, feito que vai provocar unha rebaixa no seu nivel de calidade e de servizos prestados e mesmo unha diminución moi importante das súas adquisicións. Chegaremos ao absurdo de obrigar as bibliotecas a ter que prestar menos servizos, realizar menos compras e menos empréstitos para que os concellos propietarios desa bibliotecas poidan pagar menos cantidade polo canon.