O BNG de Ponteareas denuncia o atraso da Xunta coas axudas de integración social -RISGA-

O BNG de Ponteareas denuncia o atraso da Xunta coas axudas de integración social -RISGA-

O BNG de Ponteareas presentou unha moción para denunciar o atraso na tramitación de novas axudas RISGA por parte da Xunta de Galiza.

O BNG remítese ao último informe do Valedor do Pobo onde afirma que “este ano, como os inmediatamente anteriores, produciuse un aumento nas solicitudes de axudas sociais ante situacións de necesidade, como son as Rendas de Integración Social de Galicia ou as Axudas de Emerxencia Social. Tamén medrou o número de queixas en relación con elas, sobre todo por denegacións que se consideraban inxustificadas ou por atrasos nas resolucións deses procedementos, que pola súa propia natureza deben resolverse con urxencia.”

Os nacionalistas emprazan á Xunta a cumprir os prazos legais para resolver as axudasVerónica Carrera

A moción insta á Xunta de Galiza a cumprir os prazos da Renda de integración social de Galiza (RISGA). A concelleira do BNG, Verónica Carrera, lembra que a lei que regula estas axudas fixa un prazo de dous meses para a resolución dunha solicitude, que na práctica supera os seis meses. A moción tamén insta ao Goberno da Xunta a incrementar a dotación de fondos deste programa, diante do aumento de persoas en situación de exclusión social.

Esta realidade afecta directamente ao Concello de Ponteareas. En dous anos cuadriplicáronse as persoas en risco de exclusión social e que necesitan estas axudas. Isto é consecuencia das políticas que o PP veu aplicando de destrución de emprego e de recortes nas prestacións e subsidios de desemprego. Agora moitas persoas están rematando o paro ou as axudas familiares.

Nesta liña, son varios os concellos e tamén as persoas que denunciaron os atrasos de máis de seis meses e os incumprimentos nas tramitacións da RISGA. Isto significa que por sistema a administración, neste caso a Consellaría de Benestar e a Xunta de Galiza, gobernada polo PP, están agravando a situación de moitas familias que non poden soportar tan longa espera e non teñen ningún outro medio para ir tirando. Cómpre lembrar que estamos falando dunha cantidade de 399 euros que en moitos casos é o único ingreso que entra na casa.

No recente informe dunha ONG española podemos comprobar como os datos da pobreza ofrecen un panorama desolador, sobre todo na Galiza. O informe sinala que na Galiza a pobreza infantil pasou dun 16,9% en 2007 a un 22,2% en 2012. Asemade, indica que 30.000 fogares non reciben ningún tipo de ingresos, e son xa unhas 465.000 persoas as que viven na Galiza baixo o limiar da pobreza.

Video da intervención da deputada do BNG, Carme Adán, no Parlamento Galego denunciando ante a Conselleira o atraso da RISGA